Partido Popular de Lugo

Candidatos do PP trasladan o seu apoio a comerciantes de Sarria e explican as axudas do Goberno de Feijóo para favorecer a recuperación

O número dous polo Partido Popular de Galicia na provincia de Lugo e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro con comerciantes de Sarria, no que agradeceu o esforzo do sector para adaptarse ás novas necesidades dos consumidores no escenario poscovid-19 e contribuír deste xeito á reactivación económica. 

 

Conde, que estivo acompañado dos tamén candidatos, Elena Candia e José Manuel Balseiro, apuntou á transformación dixital das empresas como motor desa recuperación, apostando por sumar novas tecnoloxías ao tecido empresarial para engadir valor diferencial aos establecementos, acceder de xeito áxil ás canles de comunicación co consumidor e potenciar a propia produción. 

 

Neste senso, o conselleiro lembrou as axudas para a dixitalización achegadas pola Xunta para pemes e autónomos, que inclúen as convocatorias abertas para o cheque dixital (dotado con 7M€) para impulsar o teletraballo e contribuír a fixar poboación no rural; e o programa Galicia Exporta Dixital (3,6M€), destinado a mellorar a presenza exterior, e que inclúe por primeira vez ao comercio. Medidas que o Partido Popular de Galicia aspira a seguir consolidando na próxima lexislatura. 

Conde subliñou o apoio que a Administración autonómica quere seguir brindando a Sarria, un concello que durante os gobernos de Alberto Núñez Feijóo recibiu axudas por un total de 15 millóns de euros que beneficiaron a máis de 3.000 persoas, prestando especial atención á dixitalización, modernización e expansión comercial do sector comercial sarriao. 

 

A cabeza de lista, Elena Candia, puxo en valor o traballo feito polo Goberno de Galicia nesta materia e que contribuíu, dixo, “a dar confianza e estabilidade a un sector que padeceu en primeira persoa as consecuencias da crise sanitaria”. A este respecto, defendeu a importancia de apoiar o proxecto político que lidera Alberto Núñez Feijóo para a recuperación económica. 

 

MITIN EN LUGO

No mitin celebrado esta tarde no IES Ánxel Fole da capital lucense, o número dous da candidatura popular por Lugo, Francisco Conde (conselleiro de Industria), destacou o esforzo do Goberno galego para anticiparse, ante o contexto actual, desenvolvendo iniciativas que deron liquidez a autónomos e pemes, que activaron protocolos de prevención para velar pola seguridade dos traballadores, e medidas de apoio -con axudas directas aos comerciantes- para que os consumidores gañen en confianza. Neste sentido, defendeu que para seguir nesta liña a única alternativa posible é dar continuidade ao proxecto político de Alberto Núñez Feijóo e do PPdeG a partir do 13 de xullo.

 

Polo seu lado, a cabeza de lista popular, Elena Candia, fixo fincapé en que o 12 de xullo a elección é entre a experiencia de goberno de Feijóo, claramente demostrada durante a crise sanitaria, e a inexperiencia absoluta que representan todos os demais candidatos. Haberá que elixir –indicou-  entre a estabilidade que representa a presidencia de Alberto Núñez Feijóo e a inestabilidade garantida dun conglomerado de partidos incapaces de encontrar máis puntos de acordo que o ataque a Feijóo. O PP, destacou Candia, fai campaña dando a coñecer o feito pola Xunta nos anos de goberno de Alberto Núñez Feijóo e expoñendo as propostas de futuro; todo elo con humildade e lonxe de confrontacións, buscando o entendemento e fuxindo de canto pode dividir á sociedade galega. 

 

Á súa vez, o candidato Ramón Carballo, portavoz municipal na capital, indicou que o esqueleto do frustrado edificio da biblioteca da Piringalla é unha mostra de como xestiona o PSOE. Despois de anos e anos de manter a obra parada, agora parece que hai un intento, aínda pouco claro, de executar un proxecto; o PP, recordou Carballo, quere que neste edificio estea ubicada unha delegación da Policía Local na zona norte da capital. Fronte á ineficacia do goberno socialista de Lugo, Carballo contrapuxo a eficiencia da Xunta, que queda reflectida nas inversións nos centros Ánxel Fole e Muralla Romana.