A construción dunha nova ponte nunha cidade de pequeno tamaño como é Monforte de Lemos constitúe unha obra de gran relevancia para o presente e para o futuro. Con este convencemento, o grupo municipal do Partido Popular defenderá unha moción no pleno, coa finalidade de que as decisións que se adopten respecto a esta infraestrutura sexan as máis acertadas e conten co respaldo dos cidadáns. Un dos obxectivos da iniciativa popular é que o Concello promova unha consulta aos monfortinos para coñecer a súa opinión.
A portavoz municipal Katy Varela di que a Ponte Vella debe ser protexida e recorda que o PP é partidario da peonalización. Dito iso, a mesma concelleira aclara que o PP non quere que a construción doutra ponte sobre o Cabe en Monforte se leve a cabo sen que estea debidamente xustificada. Destaca neste sentido que terá un alto custe, estimado en aproximadamente un millón de euros, e un indubidable impacto na paisaxe urbana monfortina. Igualmente, unha obra así ten perfiles urbanísticos que poden chegar a crear dificultades, máis aínda nunha cidade de marcado carácter monumental e que carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Os populares queren que se faga unha proba, nun período curto de tempo, de restrición do tráfico rodado na ponte vella. Igualmente, demandan un estudo rigoroso dos fluxos de tráfico como parte dun informe técnico, que consideran imprescindible, para coñecer se realmente é necesaria ou non a nova ponte. Dito informe debe ser dado a coñecer aos cidadás, segundo sinala Katy Varela.
Finalmente, coñecidos os resultados dos estudos, o Concello de Monforte debe promover unha consulta popular para saber se a poboación maioritariamente quere ou non esa infraestrutura.