Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Fomento que proceda a adoptar as medidas que de modo definitivo permitan garantir a seguridade viaria da estrada N-120, no tramo entre Monforte e Ourense, entre outras, a dotación de carrís adicionais que eliminen os riscos existentes na actualidade e a consolidación definitiva dos noiros das marxes da estrada.
A deputada popular Julia Rodríguez manifestou que “cómpre dar unha resposta definitiva á situación da N-120, especialmente visto o bloqueo que se percibe da A-76, que pasa por consolidar os noiros da estrada e dotala de carrís adicionais alternos, que non só darían resposta definitiva ao risco que representa a ladeira, senón que melloraría notablemente a seguridade viaria e a funcionalidade desta estrada”.
MOLESTIAS, RISCOS E PERDAS ECONÓMICAS
Na súa intervención, Julia Rodríguez lembrou que “as ladeiras laterais que delimitan a estrada N-120 presentan unha forte pendente, con rochas que sobresaen e que, polas súas características xeolóxicas e por efecto dos axentes meteorolóxicos, chegan a desprenderse, sendo insuficientes as mallas metálicas para contelas, cando o seu peso e tamaño é considerable, como esta acontecendo ultimamente”. “É evidente que os traballos de afianzamento levados a cabo tras os sucesivos derrubamentos sufridos nesta estrada non teñen servido para consolidar unha ladeira que representa un enorme risco de desplome para os seus usuarios entre Os Peares e Ourense”, dixo.
Ademais, apuntou que esta situación “se traduce en molestias, riscos e perdas económicas e de tempo”, ao lembrar que a estrada permaneceu cortada recentemente preto dun mes, desviando o tráfico de turismos e vehículos pesados por outras vías que non reúnen as condicións para asumir tanto tráfico. “Unha vez aberto un carril para favorecer o tráfico, que era regulado por semáforos, a alternancia do tránsito produciu retencións de ata sete quilómetros de caravana”, lamentou.
“Estas dificultades para asegurar os noiros e os muros da N-120 evidencia a necesidade de darlle unha solución definitiva a esta estrada, pero tamén a urxencia da execución da A-76”, sinalou a deputada popular. Neste sentido, criticou que “os meses pasan e da A-76 non sabemos nada, pero tampouco da autovía Lugo-Ourense ou Santiago-Lugo, o que nos leva a pensar que podemos estar ante outro proxecto frustrado coa firma do PSOE”.
MELLORA DA LU-636
Por outra parte, o Grupo Popular apoiou a aprobación na Comisión de Obras Públicas celebrada esta mañá no Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a levar a cabo as melloras necesarias na estrada LU-636 que une Sarria con Becerreá, incluíndo as obras e posterior sinalización, para garantir a seguridade nesta vía.
Julia Rodríguez recordou que a Xunta de Galicia xa realizou nos últimos anos varias actuacións de mellora do firme na estrada LU-636 e neste momento está redactando o proxecto para optimizar a capa de rodaxe, a sinalización e a mellora das marxes desta vía.