Partido Popular de Lugo

A Xunta achegou un millón de euros no que levamos de ano a apoiar obras e servizos en Navia de Suarna

Lugo, a 10 de decembro de 2019.- No que levamos de ano a Xunta de Galicia achegou un millón de euros para apoiar novas obras e servizos en Navia de Suarna, un investimento ao que teríamos que engadir o custe do sostemento dos principais servizos públicos da localidade que tamén asume o Goberno galego, en particular, o funcionamento do colexio e do centro de saúde local.

 

Estas cifras converten á autonómica “na administración que máis inviste neste municipio” tal e como confirmou o portavoz popular, Jesús Fernández, tras manter unha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na que avaliaron estes apoios autonómicos.

 

Pola súa contía as principais achegas da Xunta van dirixidas ao sostemento do servizo municipal de axuda no fogar que só nos últimos nove meses recibiu achegas por importe de 150.000 euros, dirixidas ao pago dos salarios dos profesionais que se encargan da atención e coidado das persoas maiores e en situación de dependencia.

 

O Goberno galego tamén destina ao Concello de Navia unha achega anual de 217.000 euros con cargo ao Fondo de Cooperación Local, que despois o Goberno local pode destinar, en liberdade, a financiar aquelas obras e servizos que estime máis acaídas en interese da súa veciñanza.

 

A Xunta tamén fixo entrega dun novo vehículo 4×4 equipado cunha esparexadora de sal para o servizo de Protección Civil local, cun custe estimado de case 30.000 euros e 10.000 euros adicionais para un plan de mellora de fontes emprazadas en espazos da Reda Natura 2000.

 

No ámbito do emprego o Goberno galego financiou a contratación de 2 traballadores municipais a través do programa Aprol Rural e apoiou a 2 traballadores autónomos con axudas directas de funcionamento.

 

Entre as achegas máis relevantes neste municipio están tamén as destinadas pola Consellería de Medio Rural, que financiou con 25.000 euros obras de mellora de diversos camiños municipais, achegou 112.000 euros máis para apoiar proxectos do Grupo de Desenvolvemento Rural e case 200.000 euros en distintas axudas repartidas entre 13 comunidades de montes para diversas labores de reforestación, limpeza forestal e distintas tarefas silvícolas.