Partido Popular de Lugo

Varela: «No pleno de Monforte houbo pouco de xestión e exceso de argumentario socialista»

Monforte, 1 outubro, 2019. Moi pouco de xestión e moito argumentario socialista para preparar as eleccións xerais. Así resume a portavoz do grupo municipal de Monforte, Katy Varela, o que foron as intervencións do alcalde, José Tomé (PSOE), na sesión plenaria celebrada pola corporación na tarde do luns. Varela sostén que Tomé intenta robustecer o seu borroso perfil político buscando a confrontación coa Xunta de Galicia, sinaladamente co seu presidente, Alberto Núñez Feijoo. «No pleno, unha vez máis, quedou retratado un goberno con pouca xestión, como corresponde a un alcalde a tempo parcial, e moitas ganas de buscar lea con un rival que lle queda moi grande, como é o presidente Feijoo», di Varela. Engade: «E, como sempre, con prepotencia, da que non se libran os veciños que teñen opinións críticas con obras executadas polo Concello».

 

Para Varela, é probable que Tomé intente suplir en todos os foros nos que intervén a escasa capacidade ata para a polémica do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, «que non acaba de atopar o camiño como aspirante á presidencia da Xunta». En todo caso, a portavoz do PP destaca que Tomé e os seus concelleiros votaron contra a moción popular para esixir a Pedro Sánchez que libere os recursos que debe transferir ás entidades locais. «Pode dicir o alcalde o que queira, pero o certo é que eses recursos seguen bloqueados polo Goberno de Pedro Sánchez pese ao moito que os precisan os concellos».

 

O PP presentou varios rogos. Un deles para mellorar a estrada provincial de Monforte a Currelos. «O alcalde e presidente da Deputación dixo que lle parecía que esa vía non estaba tan mal, pero que taparían as fochancas; algo é algo, aínda que non falou nin de desbroce nin de mellora da sinalización». Varela sinala que as respostas de Tomé en relación cos rogos sobre o estado das rúas Chamoso Lamas e Santo Domingo estiveron envoltas nun ton de crítica aos veciños que se queixan do estado destas dúas rúas.

 

Katy Varela resume así á sesión plenaria: «En síntese, foi un pleno con moi pouco de xestión e moito de discurso político preelectoral por parte do alcalde; foi unha sesión máis con moi pouco valor para o interese xeral de Monforte».