Partido Popular de Lugo

Os populares de Navia lamentan que “esta estrada provincial leve todo o verán cortada ao tráfico”

Os populares de Navia critican que “a estrada provincial que comunica Navia coa Fonsagrada leve todo o verán cortada ao tráfico” por mor das obras de mellora da vía. Así, lamentan a actitude dos Gobernos provincial e municipal -por non esixir responsabilidades no seu caso- e critican que “unha vez rematada a campaña electoral xa non se preocupen por levar a cabo estas obras coa máxima rapidez e eficacia”.

 

Dende o PP local lamentan os prexuízos que lles causa aos veciños e veciñas da zona; xa que “a estrada atópase en pésimas condicións, con tramos de terra e, polo tanto, nun estado intransitable a pesar de que é necesario facer uso dun tramo para acceder a núcleos coma os de Barcia ou Grandela. É unha vergoña”, consideran.

 

Para o voceiro do Grupo Municipal Popular, Jesús Fernández, isto demostra que “as presas para arranxar esta vía e contentar aos veciños e veciñas só se dan nos días previos ás eleccións. O resto do ano temos que sufrir a incompetencia na xestión dos socialistas no Concello e na Deputación de Lugo”, manifesta.