Partido Popular de Lugo

Santín lamenta que “o concello de Cervantes pareza unha selva” e pídelle ao Goberno local “intensificar os labores de desbroce” nas estradas municipais

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Cervantes, Javier Santín, insta ao Goberno local do PSOE a “tomar cartas no asunto” e “intensificar os labores de desbroce nas vías municipais” porque “o día de hoxe, cando faltan poucos días para que remate agosto, o noso concello parece unha selva”.

 

Dende o PP local lamentan “a mala imaxe do noso concello que se está a ofrecer aos visitantes, ademais do perigo que supón para a seguridade viaria a falta de conservación e limpeza nas beiras das pistas”. De feito, considera que “a día de hoxe vai realizado apenas un 10% dos desbroces nas estradas municipais”. E, do mesmo xeito, demanda “unha maior atención aos camiños e sendeiros por onde discorren rutas de sendeirismo, un dos recursos turísticos deste municipio da Montaña dende onde se pode apreciar o encanto das nosas terras”. De feito, fai só uns días unha asociación de veciños organizaba unha ruta de sendeirismo e puidemos comprobar que “hai moitos destes sendeiros sen acondicionar”.

 

Santín lembra que “xa a comezos do pasado verán demandabamos un plan axeitado e eficaz de desbroce nas vías municipais”. Concretamente, os populares propoñían combinar o os labores de roza a través de medios públicos coa adxudicación a empresas privadas deses traballos divididos por lotes co fin de “acelerar estes labores na extensa rede de estradas tanto principais coma secundarias do termo municipal”.

 

O popular sinala tamén que “as estradas que son titularidade da Deputación de Lugo se atopan aínda a día de hoxe sen rozar”; polo que insta tamén ao Goberno local do PSOE a “urxir ao Executivo provincial a realizar estes traballos” ante “o lamentable estado que presentan as estradas provinciais a piques xa de rematar o verán”.

 

Pola contra, Santín destaca “a eficiencia na xestión do Goberno da Xunta que ten xa executados labores de desbroce e  limpeza na vía de titularidade autonómica no noso municipio. Isto demostra claramente, a existencia de dúas formas ben distintas de traballar”, conclúe.