Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte pide ao Goberno local que inste ao Goberno do Estado a achegar fondos para a reparación da EDAR da Pinguela

29, xullo, 2019. O Grupo Municipal do PP de Monforte de Lemos considera necesaria a achega de recursos por parte do Goberno central para actuar na estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Pinguela co obxectivo de contribuír á reparación das súas deficiencias.

 

Os populares presentan, neste sentido, unha moción para o seu debate na sesión plenaria da Corporación monfortina ao considerar esta actuación unha “necesidade importantísima para o noso municipio”. Así, “a pesar de que o abastecemento de auga e a evacuación e tratamento de augas residuais é de competencia municipal, entendendo o alto coste das tarefas que require a EDAR, cremos que o Goberno central debe contribuír achegando fondos”; xa que “o actual Goberno en funcións do noso país viste o mesmo uniforme político que o Goberno deste Concello”.

 

A voceira popular, Katherinie Varela, engade que “dende a Xunta de Galicia están xa levando a cabo diferentes actuacións para o desvío de fondos FEDER a Monforte de Lemos co obxectivo de financiar intervencións necesarias na EDAR”. Así mesmo, “o Grupo Popular no Parlamento galego impulsou unha proposición non de lei ao Goberno da Xunta para instar ao Goberno central ao desvío destes fondos comunitarios”.

 

“Notorias deficiencias do sistema do saneamento e depuración”

Varela manifesta que “é notorio e manifesto o gran número de deficiencias no sistema de saneamento e depuración na cidade”. É máis, “nun estudo realizado no ano 2008 por Augas de Galicia detectáronse múltiples deficiencias na EDAR considerando xa por aquel entón a proximidade do final da súa vida útil debido á ausencia de sistema de desengraxado, o mal funcionamento da decantación secundaria ou a falta de eliminación de nutrientes, entre outros aspectos a mellorar”.

 

Arranxo da rúa Cardenal

O Grupo Municipal do PP tamén levará ao Pleno, a través dun rogo, “a necesidade de reparar a rúa Cardenal na maior brevidade posible”. Os populares piden, debido á envergadura económica que supoñen estas reparacións, “a elaboración dun proxecto de restauración de zonas peonís, rúas e beirarrúas na cidade de Monforte de Lemos” con inversións anuais e que así se reflexe, da forma máis clara posible, nos vindeiros orzamentos municipais”.

 

A voceira popular indica que “as caídas en diferentes zonas peonís da cidade son recorrentes nos últimos tempos; sobre todo na rúa Cardenal que é a rúa peonil, comercial e hostaleira por excelencia da nosa cidade e, polo tanto, escaparate da mesma”. Nese sentido, “o seu bo estado é fundamental para manter unha imaxe intachable ante turistas e inversores. Tendo ademais en conta o risco que supón para os viandantes o seu mal estado, o seu arranxo debe ser unha prioridade”, expón.

 

Varela engade que “son numerosas as beirarrúas e as zonas peonís con desperfectos que ocasionan caídas aos transeúntes, moitas veces a causa das raíces das árbores plantadas a discreción por estas áreas”.

 

Limpeza de camiños, fincas abandonadas e ríos do tramo urbano

A voceira do Grupo Popular da Corporación monfortina tamén defende un rogo co obxectivo de que o Goberno local proceda a desbrozar os camiños e lugares intransitables tamén co obxectivo de “evitar incidentes relacionados con lumes forestais”. Nesa mesma liña, considera “urxente iniciar os expedientes sancionadores oportunos ás propiedades de carácter privado abandonadas e sen rozar”.

 

Os populares indican neste sentido que “son numerosas as queixas de veciños e veciñas do centro de Monforte e da súa periferia sobre o estado das beiras de camiños e estradas que se suman ás fincas notablemente abandonadas. É o caso de propiedades de barrios próximos ao centro urbano como Catro Ventos ou Cobas ou de parroquias afectadas pola maleza dos camiños como son Baamorto, Marcelle o Ribasaltas”.

 

Finalmente, o Grupo Municipal Popular tamén presenta outro rogo en relación á limpeza dos ríos que transitan polo tramo urbano do municipio e, máis concretamente, na rúa Ramón del Valle Inclán onde os veciños e veciñas mostraron constantes queixas debido á praga de serpes e ratos que chegan aos edificios procedentes do río Cabe.

 

Katherinie Varela asegura que “o estado dos ríos en Monforte de Lemos é lamentable”; xa que “a maleza apenas permite ver o transcurso das súas augas”. Así, “ante o cansazo que nos supoñen aos cidadáns de Monforte os constantes partidos de tenis do actual Goberno local para eximir responsabilidades”, recorda a popular que “a competencia en salubridade pública é do Concello”.