12 de marzo, 2019. A presidenta do Partido Popular da provincia de Lugo, Elena Candia, avogou por “traballar para trasladar aos lucenses a necesidade de contar cun Goberno do Partido Popular no Estado”. A dirixente popular amosouse convencida de que “somos o Partido que garante a estabilidade, o compromiso coa xente, co crecemento económico e cos dereitos sociais” poñendo como exemplo o Goberno da Xunta de Galicia.
Nese senso, durante a reunión da xunta directiva provincial na que participaron alcaldes, voceiros e outros membros do Partido apelou ao voto útil dicindo que “a provincia de Lugo precisa en Madrid, igual que en Galicia, un Goberno do PP que presidido por Pablo Casado defenda os intereses dos lucenses” porque “o pouco que lle importa a provincia de Lugo aos socialistas viuse reflectido na proposta de orzamentos presentada polo Goberno de Sánchez”.
Programa provincial
A popular manifestou, xa en clave local, que “seguimos traballando na elaboración dun programa provincial que recolla as necesidades e ideas de tódolos lucenses” baixo o lema “Co PP a provincia gaña” (#CoPPaProvinciaGaña) e, polo tanto, “todos gañamos” (#TodosGañamos).
A primeira reunión de traballo por partidos xudiciais, neste sentido, celebrouse en Vilalba coa participación dos candidatos dos seis concellos da zona: José Ulla, por Begonte; Armando Castosa, por Cospeito; Antonio Riveira, por Xermade; Xosé María Teixido, por Guitiriz; Eugenia Requeijo, por Muras; e Agustín Baamonde, por Vilalba. Nas vindeiras semanas levaranse a cabo xuntanzas tamén nos restantes Partidos Xudiciais da provincia.