Partido Popular de Lugo

Javier Santín, proclamado candidato do PP á alcaldía de Cervantes

24, novembro, 2018. Javier Santín foi proclamado candidato do PP á alcaldía de Cervantes pola presidenta provincial, Elena Candia, hoxe durante unha xuntanza con afiliados, simpatizantes, compañeiros do Partido Popular da comarca da Montaña e de toda a provincia. A máxima responsable popular na provincia destacou neste acto “o compromiso, dedicación e ilusión que xa demostrou Javier Santín á fronte da agrupación dende xaneiro do 2017”.

 

“O traballo é o mellor aval. E dende o Partido Popular xa temos traballo feito. Dende as nosas responsabilidades nas distintas institucións buscamos que todos os Concellos teñan oportunidades e se beneficien das diferentes medidas, sen exclusión, entre as que a aposta polo noso rural ten un lugar moi destacado”, defendeu Candia. Pero, a isto hai que engadir “a necesidade dunha enorme forza para traballar, para dotar aos veciños deste municipio da Montaña dun goberno que dea garantías reais de progreso e con Javier Santín estou convencida de que seremos capaces de dar unha resposta axeitada e eficaz ás demandas dos veciños e veciñas”, continuou a dirixente provincial.

 

Candia incidiu no desexo que move a Santín de “reverter as, en ocasións, inexistentes e noutras desacertadas políticas municipais que están provocando que o concello de Cervantes vaia a remolque perdendo servizos e poboación”.

 

Devolver a ilusión

Javier Santín asume a responsabilidade de presentarse á alcaldía de Cervantes con “orgullo” e movido polas “ganas e o forte desexo” de que se produzan melloras na localidade e ser partícipe “dese cambio”.

 

O actual voceiro dos populares no Grupo Municipal invita a todo o que o desexe a participar dun proxecto “co que queremos devolver a ilusión a un municipio con enormes recursos e moitas potencialidades pero que ultimamente está en decadencia e entristecido”.

 

“Non me faltarán motivación, decisión e responsabilidade”, remarcou Santín, para presentar “o mellor proxecto, no que invito a traballar a todos”. “Debemos ser optimistas, valentes e ambiciosos. Apostar polo noso concello e crer nel. Cervantes necesita un novo impulso. É imprescindible conseguilo. Temos o exemplo de persoas, fóra do ámbito político, que con motivación lograron melloras e en tempos máis difíciles”.

 

Currículo

Javier Santín, natural de Cervantes, forma parte do Grupo Municipal Popular dende as pasadas eleccións do 2015 e preside a agrupación local do PP no municipio dende xaneiro do 2017 dende o que a afiliación ten aumentado un 25% no concello de Cervantes.

 

Javier Santín formouse como técnico especialista na rama administrativa e comercial e, posteriormente, instalouse definitivamente no rural do municipio onde compatibiliza labores á fronte dunha explotación gandeira tradicional co servizo de extinción de incendios forestais. O seu compromiso co rural queda reflexado co seu cargo como tesoureiro da cooperativa gandeira A Carqueixa. Tamén traballou no sector bancario e de subministro eléctrico.