BURELA, a 22 de xuño de 2017.- O Grupo Municipal Popular manifestou hoxe que o alcalde foi requerido alomenos dúas veces polo Xulgado de Primeira Instancia nº 2 de Lugo para que abonase a cantidade de 162.366’67€ á administración concursal de Celtaprix; empresa que facía hasta o 31 de marzo deste ano a recollida de lixo. As contías correspóndense precticamente na súa totalidade cos servizos efectuados pola anterior empresa no primeiro trimestre de 2017.
No auto xudicial faise constar que “…el Concello recurrente ya fue requerido en anteriores ocasiones…”, o que demostra, segundo os edís populares, que “o rexedor non está a cumprir coa lexislación vixente en materia de concurso de acreedores”.
Segundo o PP, “o alcalde sabe perfectamente que do millón de euros que di que o Concello vai cobrar da empresa, non vai percibir nin un só, porque a firma está en fase de liquidación. O que pretendía era reterlle os cartos que legalmente a entidade local tiña que pagar, e así poder presumir que alomenos o Concello recuperaba 162.366’67€”, afirman.
Os populares aseguran que “a xogada saiulle mal, porque a xuíza fai constar no auto de forma expresa que ‘…en caso contrario (ou sexa, non pagar), se procederá a poner los hechos en conocimiento del Ministerio Fiscal, dado que la retención sin justificación legal podría suponer un caso de emisión de resolución injusta, a sabiendas (ou sexa, prevaricación); o un supuesto de desobediencia a un requerimiento judicial…’. Ademais, especifica que ‘no cabe recurso alguno’. Por iso, ao alcalde, ante tal tesitura, “non lle queda máis remedio que cumprir coa normativa legal e esquecerse da maniobra que tiña previsto facer”, destacan.
Deste xeito, consideran que “este xeito de actuar é moi rastreiro. Todos estabamos de acordo en que había que rescindirlle o contrato á empresa porque estaba en liquidación, pero para nada na forma en que se fixo. Ninguén con dous dedos de frente pode dicir que lle vai cobrar un euro a unha empresa nestas circunstancias, a non ser que se pretenda facer política barata e/ou unha campaña de imaxe con este asunto”, apuntan.
Os edís populares aseguran que “o certo e evidente é que a día de hoxe Burela non ten mellorado a súa limpeza: seguen a barrerse as rúas do centro polas tardes, coa conseguinte mala imaxe; segue facéndose alomenos dous días á semana a recollida a mediodía e polas tardes, cos conseguintes problemas de tráfico; a recollida de papel e cartón non está funcionando axeitadamente; non se incrementou nin un só posto de traballo dos anunciados polo alcalde (o incremento de persoal polo verán está no actual contrato e no anterior, e non pode considerarse incremento de postos de traballo); houbo persoal de baixa e non se substituíu; a barredora grande segue parada, como segue o pretendido segundo camión…”.
Finalmente, reclámanlle ao dirixente local “que se deixe de facer xogos de maxia con este asunto, pois xa se ve que non se lle dá ben”. Asemade, ao primeiro tenente de alcalde tamén lle solicitan “que non presuma tanto de tractor, e que xa que di que é o ‘alcalde de facto’, solucione dunha vez por todas os problemas que existen na recollida de lixo e na limpeza viaria”.