Partido Popular de Lugo

Os populares interésanse de novo no pleno polos convenios pendentes de pagar aos concellos

O Grupo Provincial do Partido  Popular interésase de novo en pleno, ante a falta de actuación do Goberno socialista presidido por Darío Campos, polos convenios pendentes de aboar a concellos da provincia.

En concreto, os populares rexistraron unha pregunta para a súa resposta na próxima sesión plenaria de mañá a través da que interpelan ao presidente socialista sobre cando teñen previsto aprobar as contas xustificativas presentadas polos concellos e o aboamento dos anticipos solicitados polas administracións locais. 

O Grupo Provincial do Partido Popular consultou ata noutras dúas ocasións en pleno polo pagamento destes anticipos dos convenios aprobados en xuntas de goberno do 25 de setembro e do 2 e do 6 de outubro de 2015. A voceira dos populares, Elena Candia, úrxelle a Darío Campos que deixe de “paralizar” a institución e aboe aos concellos as contías pendentes que lles corresponden para que podan levar a cabo as obras e servizos básicos para os seus veciños e veciñas.

A popular lembra que se trata de convenios que responden a servizos tan básicos e necesarios como os de infraestruturas viarias ou os sociais e que se desenvolven en municipios esquecidos durante dúas lexislaturas polos gobernos socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo. Trátase de convenios asinados polo Goberno Popular na Deputación e que intentaron poñerlle fin a anos dun reparto sectario dos fondos públicos e dos que “agora quere presumir o actual responsable socialista da institución, cando nin tan sequera tramitou as contas xustificativas nin aprobou os anticipos de conta”. 

Por último, a voceira dos populares lembra que foi o Grupo que ela representa o que logrou que se continúe con estes convenios plurianuais nos orzamentos de 2016, pero “é moi necesario que se paguen os anticipos para que os concellos podan continuar coas obras”.