A Fonsagrada 14 de outubro de 2014.- O voceiro do PP en A Fonsagrada, Tobías Martínez, preguntou hoxe a Gómez Besteiro pola sala de despece para a caza; un centro que o presidente da Deputación prometeu, en época electoral, poñer en marcha no municipio, pero que a día de hoxe se atopa totalmente paralizado.
O popular lembrou que nas pasadas eleccións municipais, Gómez Besteiro e o alcalde anunciaron a construción dunha sala de despece para a caza co obxectivo de contribuír a un mellor aproveitamento e comercialización das especies cinexéticas; de tal maneira que se podía sacar ao mercado ditas especies cunha orixe de garantía e para iso había que posuír un certificado que avalase a calidade do produto.
“O Señor Besteiro prometeu un centro que permitiría esfolar, despezar, conxelar, envasar e curar as capturas procedentes da caza con controis que garantirían a calidade e a seguridade na manipulación dos diferentes produtos para conseguir unha certificación axeitada que permitirá comercializar tódolos derivados da caza.”- lembrou Martínez quen engadiu que tamén anunciou naquel intre que se crearían dous postos de traballo e a supervisión dun veterinario.
Denunciou o voceiro dos populares que Gómez Besteiro investise 300.000 euros na construción dun edificio, que a día de hoxe se atopa pechado, agardando a ser dotado e preparado, para a finalidade coa que foi construído e que nada do prometido se cumprise.
“O que ía ser o primeiro Centro de Despece de caza de Galicia para Besteiro e Fernández Queipo, quedou pechado a cal e canto e cunha inversión de 300.000 euros”- denunciou o popular, quen engadiu que estes anuncios e accións foron unha mofa a todo un colectivo de cazadores, que foi totalmente enganado e que a día de hoxe aínda agarda por unhas instalacións acordes ao prometido.
Concluíu Tobías Martínez urxindo a Gómez Besteiro a poñer en marcha, inmediatamente, a sala de despece e non agarde aos vindeiros comicios electorais para facer promesas con respecto a esta sala.