Partido Popular de Lugo

Besteiro aínda non deu resposta á solicitude de entrevista formulada polo alcalde de Guitiriz

O alcalde de Guitiriz, Xose María Teixido, sigue á espera de recibir unha resposta por parte de Jose Ramón Gómez Besteiro ante a solicitude de “entrevista directa” formulada nas pasadas datas. Ata o momento, o Presidente da Deputación de Lugo non deu resposta a esta petición, formulada polo rexedor a semana pasada, tras comprobar con frustración os nulos avances acadados nas últimas xuntanzas que mantivo a Comisión de Seguimento do convenio que, asinado entre o concello e a administración provincial, reflicte o compromiso de crear unha residencia para persoas maiores neste municipio. A finalidade é sentar entorno a unha mesa ao alcalde e o presidente da Deputación para intentar desbloquear a situación.

OBXECTIVO: NON PERDER O INVESTIMENTO COMPROMETIDO

Por outra banda, o rexedor ve positivo que se involucre a sociedade guitiricense para que o investimento de 1,2 millóns de euros comprometido pola Deputación de Lugo se invistan de inmediato e, sinala que ese mesmo obxectivo é o que defende o Goberno municipal desde o primeiro día. “Estamos traballando para que Guitiriz conte cunha residencia para persoas maiores e para que ese orzamento comprometido pola Deputación se execute sen máis demoras”-aclarou Teixido.

O alcalde indica que ata o momento non recibiu ningunha solicitude de entrevista por parte da plataforma proresidencia pero asegura que a recibirá de inmediato, como a calquera veciño “e máis tendo en conta que coinciden no obxectivo de evitar a perda do investimento comprometido”. Teixido vai máis aló e considera que as sinaturas veñen a reforzar a posición que mantén o Goberno local e deben levar á Deputación a actuar de xeito inmediato e investir o diñeiro ofrecido.

DÚAS ALTERNATIVAS PARA O DIÁLOGO

O alcalde de Guitiriz volve a lembrar que Besteiro ten sobre a mesa “dúas ofertas para o diálogo, destinadas a evitar que non se perda os 1,2 millóns de euros comprometidos”: Ou corrixir o proxecto da Casa da Botica para que cumpra a normativa urbanística, “entendemos que o Goberno provincial non quererá executar algo ilegal”, ou aproveitar os terreos dispoñibles no lugar de Parga e construír alí unha nova residencia con centro de día que sexa accesible e conte con todos os servizos requiridos polos veciños e futuros usuarios.

Teixido agarda á resposta oficial de Jose Ramón Gómez Besteiro tras remitir a semana pasada un escrito urxente trasladando esta proposta de diálogo e reclama ao Presidente da Deputación que demostre a súa vontade de consenso e compromiso con Guitiriz “non deixando pasar máis tempo para poñer data a ese encontro directo entre ambos os dous mandatarios”.