Lugo, a 22 de xaneiro de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular lamenta que a Deputación decidira onte na xunta de goberno “malvender” o mirador de Mondoñedo e salienta que cando o actual goberno provincial tomou posesión, as mencionadas instalacións estaban en uso e agora, tres anos e medio despois, atópanse totalmente destrozadas.
Os populares acusan ós responsables da institución provincial, e nomeadamente ó seu presidente José Ramón Gómez Besteiro, de “despreocuparse” destas instalacións e agora, “cando están en estado ruinoso”, optar por desfacerse delas sen sequera condicionar a seu futuro destino. Unha decisión que non dubidan en asegurar que atenta contra os intereses da propia Deputación e, por conseguinte, de todos os cidadáns da provincia, porque supón unha perda patrimonial salientable.
Para o GPPP, esta situación é semellante á acontecida coa residencia do Hotel Miño de Lugo e mesmo cos clubs náuticos existentes en diversos puntos da provincia. “É un novo exemplo da falta de xestión do bipartito provincial que se caracterizou por desentenderse de conservar e poñer en valor o patrimonio co que conta a institución provincial”.