Partido Popular de Lugo

Rubén Armada asume a presidencia de Novas Xeracións de Baralla

Baralla, 15 de outubro de 2010.- Rubén Armada asumiu onte a presidencia de Novas Xeracións de Baralla nun acto celebrado no Centro Sociocultural da localidade e arroupado polo presidente provincial da agrupación político-xuvenil, Daniel Vega; e o secretario xeral da executiva rexional, Juan Francisco López Prieto.

Durante o acto de constitución, Armada resaltou que “en Baralla hai xente nova con ganas de facer cousas e traballar”, ao tempo que manifestou o seu interese por involucralos co obxecto de que “se poda falar de política en calquera situación e de que nos fagamos notar”. Neste sentido, o presidente local reincidiu en que “a política inscríbese arriba pero faise na rúa”. Entre os proxectos presentados por NNXX de Baralla destaca a promoción dun premio de relatos curtos baixo o nome de “Anxel Fole”.

A constitución da executiva local supón un paso adiante no obxectivo de Novas Xeracións da Provincia para que a agrupación político-xuvenil estea presente nos 67 concellos lucenses. Neste sentido, Daniel Vega manifestou que “xóvenes de concellos pequenos pero importantes como  Baralla traballen por e para o partido e por e para Baralla é un bo síntoma de que isto funciona”.

O presidente provincial animou á nova xestora a traballar “e dar a batalla na rúa” para reducir o 43% de paro xuvenil e que se restableza a situación de “case pleno empleo”  tal e como sucedera dende 1996 coa entrada do PP no goberno nacional. Vega tamén lle pediu á nova executiva que “manteña os principios e valores e dea a batalla na lealdade e a responsabilidade política”.

Pola súa banda, o secretario rexional recordou que a xunta local de Baralla é a primeira en constituírse dende as celebracións dos congresos rexionais e provinciais. Neste sentido, Juan Francisco manifestou o seu agrado por que esta nova xestora se formara no rural de Lugo e animou a executiva para que traballe por “mobilizar aos xóvenes e buscar intereses comúns”.  Así mesmo, invitounos a “traballar en conxunto para renovar o goberno local” e recordoulles que “podedes contar con nós”.

Ademais de Rubén Armada, a xunta xestora intégraa a secretaria xeral, Natalia Santín; e os vogais, Jorge Fernández, Luis López, Jonathan Fernández, José Alberto Fernández e Álvaro Díaz.