Partido Popular de Lugo

A Xunta priorizará a posta en marcha de programas mixtos de promoción de emprego en Monforte

Lugo, a 17 de xuño de 2010.- “A Xunta de Galicia dará prioridade a proxectos para a posta en marcha de programas mixtos de promoción de emprego en Monforte”. Así o indicou o parlamentario autonómico Dámaso López, quen hoxe mantivo unha reunión co director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida Trastoy, e coa delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, para tratar sobre as actuacións previstas polo departamento autonómico na zona de Monforte.

Neste sentido, o representante popular indicou que dende o departamento autonómico  “atenderase con especial atención o relativo a zona a fin de paliar os efectos do paro, entre outras medidas, a través de obradoiros de emprego ou programas de reciclaxe”. Ao fio deste tema, López apreciou “a sensibilidade” coa que dende a Dirección Xeral se segue “e se vai a atender” a zona, na que, segundo expresou o parlamentario autonómico, “vaise a atender de xeito especial” a todos aqueles proxectos para obradoiros de emprego que sexan presentados dende o entorno monfortino.

No presente ano, Monforte de Lemos é o segundo concello da provincia que máis fondos recibirá ao abeiro dos programas de cooperación para a contratación de persoas desempregadas. En concreto, o concello de Monforte recibirá 364.184,70 euros dos programas de cooperación para a contratación de persoas desempregadas en xeral, sen que se distinga na concesión o sector de procedencia dos traballadores. 

Á hora de abordar a distribución dos fondos de cooperación, deuse prioridade precisamente aos concellos directamente afectados polo peche das canteiras, que na provincia de Lugo foron A Pastoriza e Quiroga.

Precisamente os criterios de distribución dos fondos deste programa atenden á necesidade de reequilibrar e compensar aos concellos que suman maior número de desempregados. Esta iniciativa a favor dos concellos que sufriron o peche das canteiras súmase ás medidas en favor das áreas afectadas polas tarefas de extracción de minerais, nos aspectos económico e medioambiental, establecidas no Plan Miner.  

En todo caso, a Administración autonómica atenderá “con especial atención”, reiterou Dámaso López despois da reunión, as distintas propostas que, ao abeiro dos diversos programas de promoción do emprego, poidan proceder do entorno de Monforte, en consideración aos efectos expansivos que a crise das canteiras poida ter provocado nesa área.