Partido Popular de Lugo

O GRUPO POPULAR LAMENTA QUE O PACTO TERRITORIAL DE EMPREGO NA MARIÑA IMPULSADO POLO BIPARTITO NON SERVIRA PARA XERAR NINGÚN POSTO DE TRABALLO

Santiago, 7 de abril de 2010.- O Grupo Parlamentario Popular lamenta que o Pacto Territorial de Emprego na Mariña lucense impulsado polo Bipartito non servira para xerar ningún posto de traballo, salvo o dos cinco técnicos que desempeñan o seu labor nas oficinas deste organismo sitas no concello de Foz. Así o confirmou o director  xeral de Promoción de Emprego, Andrés Hermida Trastoy, en resposta a preguntas do deputado popular Jose Manuel Balseiro Orol, quen pretendía realizar unha avaliación en materia de  creación de emprego do traballo desenvolvido por estas oficinas.

O deputado popular ve confirmadas así as súa sospeita, trasladada por alcaldes e portavoces locais, de que o Pacto Territorial de Emprego na Mariña se limitaba a desenvolver enquisas e análises estatísticos en vez de efectuar un labor de intermediación ou impulso de políticas activas de emprego no territorio de referencia. “Os veciños da Mariña aspiran a ter menos enquisas e máis postos de traballo” lembrou Balseiro.

INSTRUMENTOS INEFICACES.- “Tendo en conta que hoxe herdamos un mercado laboral en crise, caracterizado pola alta destrución de emprego, non pode ser satisfactorio que existan uns chiringuitos que simplemente realizan análises demoscópicos, queremos que sirvan para colaborar na tarefa de xerar novos postos de traballo, e todo o que non vaia nesta dirección será un fracaso”- concluíu Balseiro quen insitiu na necesidade de redefinir o Pacto Territorial da Mariña.

Finalmente o Grupo Popular e o representante autonómico coincidiron en salientar a “negativa politización” coa que estes Pactos Territoriais naceron, impulsados e controlados polo bipartito, así como as dúbidas que existen respecto das polémicas xurdidas nos procesos de contratación.