Partido Popular de Lugo

O PP reivindica o seu apoio á rehabilitación do mosteiro de San Salvador de Lourenzá e lembra “os incumprimentos do Goberno e do PSOE”

Lourenzá, 4 de novembro de 2026. O PP agarda que o anuncio para a rehabilitación do mosteiro de San Salvador, en Vilanova de Lourenzá, con cargo á convocatoria de axudas deste ano 2025 do Programa do 2% Cultural do Goberno de España se materialice co “impulso do Partido Popular dende o Senado” e despois de anos de espera “e incumprimentos por parte do PSOE e do Goberno de Sánchez”.

A rehabilitación do emblemático mosteiro laurentino “xa fora anunciada con cargo ao Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22, pero sen chegar a executarse a obra”. Posteriormente, foi excluído do Programa do 2% Cultural estatal na resolución publicada a finais do 2024. Incluso, “o Goberno ten confirmado de forma oficial, ante preguntas dos representantes do PP lucense no Senado, que non tiña previsión de executar esta obra que agora volven anunciar”.

Os populares apoian a rehabilitación desta xoia patrimonial, arquitectónica e relixiosa fundada no século X polo Conde Osorio Gutiérrez, tamén coñecido como o ‘Conde Santo’, declarada Conxunto Histórico-Artístico en 1974 e que ten a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia na categoría de Monumento.

De feito, os representantes do Partido Popular lograron aprobar en febreiro do 2025 no Senado unha iniciativa para instar ao Goberno de España a liderar e financiar, con cargo a fondos estatais, a obra de rehabilitación integral do mosteiro. É dicir, existe un mandato claro por parte do Senado ao Goberno de España elaborar e executar un proxecto de intervención, só ou en concorrencia con outras administracións, co fin de preservar, protexer e poñer en valor o mosteiro de San Salvador.

Neste caso, a iniciativa non contou tampouco co apoio do PSOE que prefería non comprometer o apoio do Goberno de España con fondos estatais nin esixirlle liderar o proxecto.

“Ante as promesas incumpridas do Goberno de Sánchez e a continua falta de apoio ao proxecto por parte do PSOE, o Partido Popular sempre se amosou a favor da rehabilitación do mosteiro de San Salvador, un dos principais signos de identidade de Lourenzá”, manifestan.

UNHA XOIA CUN GRAN DETERIORO

O mosteiro de San Salvador acolle algunhas dependencias municipais e desde os anos 60 do século XX a edificación alberga tamén un interesante Museo de Arte Sacra. Tamén posúe a casa abacial e dependencias monásticas con claustros, actualmente inhabilitados; e una igrexa cuxa portada parece ser serviu de precursora da fachada do Obradoiro.

Algunhas estancias do mosteiro, desafortunadamente, presentan gran deterioro. Isto non só está a impedir que sexan obxecto de visitas, senón que compromete a súa preservación de cara ao futuro do que é un dos monumentos máis representativos deste municipio lucense e unha referencia do arte barroco galego.