Partido Popular de Lugo

O PP esixe ao Goberno de Sánchez explicacións sobre o peche ao público das oficinas do Distrito Marítimo de Ribadeo e urxe a cubrir a praza vacante

Ribadeo, 18 de setembro de 2026. O Partido Popular esixe explicacións dende o Senado ao Goberno de Sánchez polo peche ao público, desde fai meses, das oficinas do Distrito Marítimo de Ribadeo, dependentes de Capitanía Marítima.

Os senadores teñen rexistrado formalmente preguntas ao Executivo ante os prexuízos que causa aos usuarios do municipio e de boa parte da comarca da Mariña oriental a falta de atención presencial en Ribadeo. Concretamente, queren coñecer os motivos que levaron ao peche e cando prevé o Goberno recuperar o servizo e reabrir a oficina ao público.

O alcalde, Dani Vega, explica que “se xubilou un dos traballadores da oficina de Ribadeo e o Goberno de Sánchez decidiu desprazar ao outro traballador a Burela”. Como consecuencia, Ribadeo quedou sen atención presencial neste servizo.

Esta situación afecta a trámites vinculados, entre outros, con titulacións e documentación marítima, despacho e rexistro de embarcacións, certificados, autorizacións, expedientes administrativos ou consultas relacionadas coa navegación e a seguridade marítima.

O senador mariñán José Manuel Balseiro advirte que “a falta de atención presencial en Ribadeo obriga a facer as xestións de forma telemática ou a desprazarse ata Burela, un serio prexuízo para a xente do mar”.

O goberno local xa reclamou de forma oficial á Subdelegación do Goberno, á Delegación do Goberno e a Capitanía Marítima sen obter, ata agora, ningunha solución definitiva. “Non se poden perder servizos públicos en Ribadeo. Esiximos cubrir de inmediato a praza”, apunta Vega.

Os populares cren que “este é un exemplo máis dos recortes do Goberno de Pedro Sánchez” nos servizos públicos dependentes do Estado na provincia de Lugo e, particularmente, na Mariña. E advirten que “non imos aceptar que a falta de persoal se traduza na perda de servizos e obrigue aos veciños a desprazarse a outros municipios para facer trámites que ata agora podían realizar en Ribadeo”.

MANTEMENTO

O rexedor ribadense tamén advirte da “falta de mantemento no exterior do edificio” que presenta un “estado de abandono”. Neste sentido, urxe ao acondicionamento do exterior e ao arranxo das instalacións en xeral.