Burela, 17 de setembro de 2026. Os concelleiros do PP de Burela denuncian que este verán comprobáronse, unha vez máis, as consecuencias da pésima xestión do goberno local encabezado por María del Carmen López Moreno.
Un verán no que “se volveron a poñer de manifesto as tres constantes que marcan este mandato: a inoperancia, a falta de xestión e a preocupante falta de transparencia cos veciños e visitantes”.
Dende o PP de Burela recordan que, se no mandato anterior coa propia María del Carmen López Moreno e o señor Fernández Rey formando parte do goberno municipal, o Concello de Burela perdeu a bandeira azul da praia de Ril, este ano produciuse unha situación aínda máis grave: “no primeiro verán no que o actual goberno decidiu asumir directamente a xestión das prazas de socorristas, non foi quen de contar cos efectivos suficientes para garantir unha cobertura axeitada das praias da Marosa e, especialmente, da praia urbana”.
Esta situación provocou que, en diferentes xornadas, os usuarios da praia urbana denunciasen a ausencia de socorristas no seu posto de traballo durante parte do día. “Unha situación especialmente preocupante tendo en conta que falamos dun servizo directamente relacionado coa seguridade dos bañistas e que, segundo as queixas recibidas, chegou a provocar que usuarios da propia praia tivesen que atender ou reaccionar ante diferentes incidentes ante a ausencia de profesionais”, explicaron.
Os concelleiros do PP sinalan que como consecuencia desta falta de efectivos, o goberno de María del Carmen López Moreno viuse obrigado, por primeira vez na historia do Concello de Burela, a retirar a bandeira azul da praia urbana, ao non poder garantir o cumprimento das condicións asociadas a este distintivo.
Para o PP de Burela, resulta “especialmente grave” que durante boa parte do verán a bandeira azul permanecese izada na praia urbana, mentres non se estaba garantindo o servizo de socorrismo nas condicións necesarias. “Os veciños e os visitantes teñen dereito a coñecer a realidade e a recibir información clara sobre os servizos que se están prestando nas nosas praias”, explicaron.
REPÍTENSE OS PROBLEMAS NOS BAÑOS PÚBLICOS
A situación dos baños públicos da praia da Marosa foi outro dos problemas recorrentes durante todo o verán. A pesar das obras realizadas polo Concello, os usuarios volveron atoparse con baños sucios e, en diferentes momentos, con problemas de iluminación, falta de auga e outras deficiencias. Unha situación que evidencia que non abonda con realizar obras se posteriormente non existe unha xestión adecuada e un mantemento continuo das instalacións.
Os populares consideran especialmente preocupante que xa transcorreron máis de tres anos desde o inicio deste mandato e moitos dos problemas máis básicos do municipio continúan sen solución. “Nalgún pleno incluso se nos trasladou que había que tomarse as cousas con calma. Pois ben, pasaron máis de tres anos e os veciños seguen esperando, unha clara evidencia de que calma si que están a ter”, sinalaron.
“A xestión dun Concello non consiste en facerse fotografías nin en anunciar continuamente actuacións. Consiste en que os servizos funcionen, en anticiparse aos problemas, en manter as instalacións municipais en condicións e, sobre todo, en dar respostas aos veciños”, afirmaron.
Para o PP de Burela, o sucedido este verán co servizo de socorrismo e coa bandeira azul da praia urbana, así como os problemas nos baños da Marosa, son exemplos claros dunha forma de gobernar marcada pola improvisación e pola ausencia de planificación.