Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte advirte de que hai 68 propiedades afectadas no proxecto da nova senda peonil e pide a Tomé transparencia e diálogo cos veciños

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte manifestan a súa fonda preocupación polo proxecto da nova senda peonil prevista á beira dos regatos de Monforte, unha actuación que se executará ao abeiro dun convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS).

A voceira popular, Katy Varela, explica que tras analizar a documentación do proxecto, “todo parece indicar que estamos diante dunha nova actuación que pode afectar de maneira directa a numerosas propiedades privadas sen que, previamente, existise un contacto persoal nin un diálogo coa veciñanza afectada”.

Neste senso, os concelleiros do Grupo Municipal Popular mantivemos unha reunión cunha das veciñas afectadas, “que nos trasladou a súa enorme preocupación ante a posibilidade de que o proxecto contemple incluso o derrubo da súa vivenda”.

Tras revisar a documentación, os concelleiros populares contabilizaron ata 68 propiedades afectadas, nas que figuran construcións de distinta natureza, entre elas cando menos tres inmobles de uso residencial.

Por este motivo, Katy Varela anima a todos os propietarios e veciños que poidan verse afectados a consultar o proxecto, especialmente o Tomo V, no que se detallan as parcelas incluídas na actuación.

“O expediente continúa en período de alegacións, polo que aínda existe a oportunidade de presentar as consideracións que se estimen oportunas”, recordou.

A voceira popular considera fundamental “corrixir agora os posibles erros” para evitar que no futuro se reproduzan situacións como as vividas noutras actuacións urbanísticas en Monforte, como a Zona C ou o Parque do Hospital, “que derivaron en procesos xudiciais con importantes consecuencias económicas para as arcas municipais”.

Neste senso, Katy Varela recorda que aínda está por determinar o custo definitivo dalgunhas destas actuacións, pero “todo apunta a que poderían chegar a duplicar o investimento inicialmente previsto”.

Por este motivo, os concelleiros do Grupo Municipal Popular rexistraron unha batería de preguntas dirixidas ao alcalde de Monforte para aclarar as condicións dos convenios asinados coa CHMS para a execución destas obras.

En concreto, solicítanse explicacións sobre as informacións que apuntan a que, unha vez rematadas as actuacións, o Concello podería verse obrigado a aboar anualmente unha taxa á Confederación Hidrográfica Miño-Sil polo mantemento ou utilización destas infraestruturas.

De confirmarse este extremo, os populares consideran imprescindible que José Tomé “informe con absoluta transparencia” sobre as obrigas económicas que asumiría o Concello, xa que “estaríamos ante unha fórmula de financiamento que, na práctica, podería converter estas actuacións nunha especie de préstamo encuberto, hipotecando recursos municipais durante anos”.

O Grupo Municipal Popular reclama ao goberno local que se sente a dialogar cos veciños afectados, lles facilite toda a información e actúe con responsabilidade para evitar conflitos xudiciais e novos custos que acaben recaendo sobre todos os monfortinos.