Lugo, 29 de agosto de 2026. O Partido Popular denuncia que “o Goberno de Sánchez pretenda facer caixa a costa dos Concellos lucenses” con motivo de obras de abastecemento, saneamento e depuración executadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en virtude de convenios asinados con Concellos antes de maio do 2023, data de aprobación da norma que aplica o principio de recuperación de custes dos servizos relacionados coa auga.
A deputada no Congreso e membro da Comisión de Política Territorial, Cristina Abades, explica que “o Goberno está a xirar aos Concellos liquidacións -que, nalgúns casos, ascenden a contías considerables- en concepto de Tarifa de Utilización da Auga (TUA) por obras xa executadas de acordo a uns convenios anteriores ao 2023 que non contemplaban esta carga económica” que, ademais, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico pretende estender durante 25 anos.
Así, censura esta “factura sorpresa” que reciben os Concellos anos despois de asinar os acordos e realizar as obras. Ademais, apunta que “os Concellos non podían telas previsto nos seus orzamentos porque non estaban previamente pactadas”.
“É un auténtico disparate que se pretenda agora cambiar as regras de xogo e obrigar aos municipios a afrontar unha taxa periódica durante os próximos 25 anos”, segundo subliña o senador lucense José Manuel Balseiro.
Os populares esixirán explicacións dende o Congreso e o Senado ante este taxazo e, máis concretamente, sobre os criterios que emprega o Ministerio para calcular a Tarifa de Utilización da Auga en cada caso. A través das súas preguntas oficiais, agardan tamén que o Goberno de Sánchez aclare se os acordos asinados advertían expresamente aos municipios destes pagamentos posteriores.
DECISIÓN UNILATERAL DO ESTADO EN PREXUÍZO DAS ARCAS LOCAIS
A deputada e o senador do PP lucense advirten do “precedente” e censuran que “unha administración non pode modificar unilateralmente as condicións económicas dunha actuación cando esta xa está executada. Os convenios están para cumprilos e para ofrecer seguridade ás partes que os asinan, non para cambiar as condicións a posteriori”.
Os representantes nas Cortes Xerais apuntan, ademais, que “esta carga privará aos Concellos de dirixir eses fondos á prestación de servizos públicos da súa competencia aos seus veciños ou á realización doutras obras e proxectos”.
ALGÚNS EXEMPLOS
Son varios os Concellos lucenses que se viron beneficiados de obras financiadas ou co-financiadas pola CHMS en virtude de convenios anteriores ao 2023 e que agora reciben estas “facturas sorpresas” por parte do Goberno do Estado.
Atendendo á información facilitada polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en resposta ás preguntas dos deputados no Congreso, o Goberno do Estado ten aprobado para este 2026 unha contía de máis de 51.000€ ao Concello de Sarria en concepto de Tarifa de Utilización da Auga (TUA) derivada das actuacións de mellora do saneamento e da EDAR executadas con motivo dun convenio asinado no 2019.
Para o Concello de Vilalba, por un convenio asinado no 2022, aprobou unha contía para esta anualidade de 48.000€ por actuacións de mellora de abastecemento e saneamento. E a contía aprobada para cobrar neste 2026 ao Concello de Pedrafita do Cebreiro supera os 30.700€ polas actuacións de rehabilitación do sistema de saneamento no núcleo do Cebreiro en virtude dun convenio asinado no 2022.
As contías aprobadas polo ente estatal para o Concello de Lugo por actuacións para reducir o risco de inundacións no río Rato no entorno da glorieta de Serra de Meira enmarcadas nun convenio asinado no 2021 supera os 16.500€ e para o Concello de Meira por obras de saneamento e depuración executadas ao abeiro dun convenio asinado no 2020 supera os 12.000€. E as contías dirixidas ao Concello de Monforte e Lemos para esta anualidade en relación a obras de mellora do saneamento e depuración superan os 88.000 euros.
No caso dos Concellos de Xermade e Guitiriz, por convenios asinados no 2021 no primeiro caso para o saneamento e deputación no Campo da Feira e no 2022 no segundo para actuacións de saneamento e na EDAR; xa recibiron o ano pasado liquidacións por máis de 8.000 e 7.000 euros, respectivamente, e este ano están aprobadas contías similares.
OS CASOS DE BARALLA E FOLGOSO DO COUREL
Os populares poñen como exemplo os casos de Baralla e Folgoso do Courel. No primeiro, a Confederación reclama en 2026 preto de 4.700 euros pola Tarifa pola Utilización da Auga vinculada á construción dun azud desmontable no río Neira. O convenio, asinado en 2020, establecía que a Confederación financiaría o 80% e o Concello o 20% restante, cantidade que xa foi liquidada, sen que figurase daquela a obriga de asumir esta nova taxa.
A situación resulta especialmente significativa en Folgoso do Courel. As obras de saneamento do núcleo de Sobredo foron financiadas ao 100% pola Confederación e nin no convenio asinado en 2018 nin no momento de executar a actuación estaba prevista esta carga económica. Agora preténdese establecer unha tarifa periódica durante 25 anos e xa se aprobou para 2026 unha contía próxima aos 4.500 euros.
O propio Concello advertiu nas súas alegacións de que, se coñecese no momento de asinar o convenio que posteriormente tería que afrontar esta obriga durante 25 anos, non tería aceptado o acordo nin executado a actuación.
Os populares reclaman ao Goberno de España que rectifique e respecte os compromisos adquiridos cos municipios: “Se unha taxa non estaba prevista cando se asinou o convenio e se executou a obra, o que non se pode facer é inventar agora unha factura para os próximos 25 anos. Os Concellos cumpriron a súa parte e o Goberno debe cumprir a súa”.