Meira, 18 de agosto de 2026. Os concelleiros do PP de Meira esixen explicacións ao alcalde a raíz do convenio asinado coa Deputación de Lugo para que o Concello poida facer fronte a facturas do día a día municipal que, segundo todo indica, “de non ser pola colaboración da Deputación, quedarían sen pagar”.
O voceiro do PP de Meira, Óscar Fernández, esixe ao alcalde que dea as explicacións públicas oportunas de que “o Concello de Meira tivese que ser rescatado pola Deputación de Lugo por segunda vez no presente mandato”, xa que cómpre recordar que a finais de 2025 o alcalde pediu a axuda da Deputación para poder facer fronte a facturas que había que pagar.
Óscar Fernández sinala que este segundo convenio “evidencia que o alcalde non ten unha política económica ben plantexada xa que, do contrario, os cartos destinaríanse, en primeiro lugar, a pagar as facturas”.
Entre os gastos aos que se vai facer fronte cos 150.000€ de achega da Deputación figuran:
– Electricidade: 5.100€
– Comunicacións, telefonía e publicidade: 8.200€
– Materiais de mantemento e funcionamento 5.200€
– Servizos de mantemento, reparación, alugueiro e subministro: 7.800€
– Actividades culturais, turísticas e deportivas: 2.500€
– Axuda no fogar: 98.431,42€
– Combustible: 4.494€
– Xestión de residuos, seguro de camión, lixo e subministro: 18.274,58€
“Como se pode comprobar, todos son gastos do día a día, gastos previsibles e para os que debería de haber cartos reservados previamente, polo que se demostra, unha vez máis que estamos ante un fin de ciclo, que cómpre un cambio na alcaldía, liderada por unha alternativa responsable e cun proxecto definido, como é o Partido Popular”, afirmou.
Finalmente, Óscar Fernández advirte ao alcalde que “non tente terxiversar as nosas declaracións, xa que non estamos en contra de que outras administracións colaboren economicamente con Meira, senón que os cartos que aporten non deben de destinarse a pagar a mala xestión do alcalde, senón que teñen que destinar a proxectos que melloren o municipio e a vida dos meiregos”.