Partido Popular de Lugo

Carmela López “mantén vixentes as políticas de Tomé” e usa a Deputación como a “chequera do PSOE” para financiar os desmanes económicos dos concellos socialistas

Martes, 4 de agosto de 2026. Na xunta de goberno da Deputación do 24 de xullo aprobouse un convenio interadministrativo co Concello de Meira por importe de 150.000€ destinados, na súa totalidade, a sufragar gastos correntes baixo a denominación de ‘Prestación de servizos público básicos’.

Ante esta nova adxudicación de fondos provinciais a un concello gobernado por socialistas “para que poidan pagar as débedas derivadas da súa mala xestión”, o voceiro do provincial popular, Antonio Ameijide, volveu a censurar “o sectarismo do goberno provincial”.

Ademais, recorda que non é a primeira vez no presente mandato que se aproba un convenio destas características con este Concello “o que demostra que Carmela López segue o libro de José Tomé e volve a asinar un convenio para axudar a tapar a mala xestión dun alcalde socialista co diñeiro de tódolos lucenses”.

Antonio Ameijide ironizou e lanzou unha pregunta directa a Carmela López: “Ten pensado poñer en marcha unha liña de financiamento para sufragar os gastos correntes dos 67 concellos da provincia ou unicamente é para aqueles municipios gobernados polo PSOE e BNG, mantendo ese municipalismo de amiguetes que puxo de moda o seu antecesor no cargo”.

Neste senso, o popular insiste en que Carmela López mantén vixentes as directrices de José Tomé e segue a usar a Deputación como a chequera particular do PSOE ante a incapacidade manifesta dos seus alcaldes para xestionar os recursos propios e facer fronte a gastos correntes, tales como:

  • Electricidade: 5.100€
  • Comunicacións, telefonía e publicidade: 8.200€
  • Materiais de mantemento e funcionamento 5.200€
  • Servizos de mantemento, reparación, alugueiro e subministro: 7.800€
  • Actividades culturais, turísticas e deportivas: 2.500€
  • Axuda no fogar: 98.431,42€
  • Combustible: 4.494€
  • Xestión de residuos, seguro de camión, lixo e subministro: 18.274,58€

Todo elo cunha achega do 100% por parte da Deputación (150.000€) fronte á achega cero do Concello de Meira.

Antonio Ameijide sinala que non se trata dun caso anómalo nin da primeira vez que a Deputación ten que socorrer a concellos socialistas para tapar a súa falta de solvencia económica e mala xestión — como xa fixeron anteriormente con casos como o Concello de Pol, entre outros —, o que evidencia unha absoluta “neglixencia dos socialistas e nacionalistas cando teñen que xestionar unha administración local e atender aos veciños con eficacia”.

“Os concellos da provincia merecen un reparto xusto, obxectivo e igualitario dos fondos públicos, e non un trato de favor partidista mentres se ignora o municipalismo real”, sentenciou.