O voceiro do PP na Pobra do Brollón, Teddy López, quere amosar a súa máis rotunda repulsa ante a irresponsabilidade e o alarmismo infundado xerado polo alcalde, Xosé Lois Maceda, nos últimos días en relación ao servizo médico do municipio.
Teddy López cualifica de “inaceptable e sectaria” a actitude do rexedor que, “lonxe de colaborar na procura de solucións, prefiriu lanzar unha campaña de descrédito e presión inaceptable sobre os profesionais da saúde”.
A realidade dos feitos, ocultada interesadamente polo alcalde para xerar alarmismo e buscar confrontación política, demostra a falsidade do discurso do BNG.
Ante a baixa laboral da titular do consultorio, procedeuse de inmediato a designar un médico substituto para garantir a atención á veciñanza. No seu primeiro día, o facultativo asignado non puido acudir ao centro de saúde debido a unha cita médica propia, un dereito fundamental e incuestionable que asiste a calquera traballador, incluídos os profesionais sanitarios.
Unha vez solucionada esta situación, o médico incorporouse con total normalidade ao seu posto, desenvolvendo a súa labor sen incidentes e garantindo a asistencia sanitaria no municipio.
Deste xeito, “de inmediato e durante todo o mes de agosto esa praza estará cuberta e os veciños da Pobra do Brollón disporemos sempre de médico no centro de saúde”.
O voceiro popular destaca que é intolerable que o alcalde poña en dúbida o dereito dun médico a enfermar, a solicitar unha baixa ou a asistir a unha cita médica persoal. “Os profesionais sanitarios merecen o noso respecto e apoio, non o acoso nin a fiscalización pública por parte dun alcalde que utiliza a sanidade como arma política”, lamentou.
Teddy López esixe ao alcalde que abandone a mentira e a demagoxia. “A Pobra do Brollón non pode permitirse un alcalde que semente alarmismo entre os veciños inventando crises asistenciais onde non as hai e poñendo en risco a atracción e estabilidade de profesionais médicos no rural”, denunciou.
Os populares lembran que a sanidade pública require rigor institucional e traballo construtivo, polo que instan ao goberno local a rectificar publicamente as súas acusacións e a pedir desculpas ao persoal sanitario polo maltrato institucional recibido.
Finalmente, dende o PP de A Pobra do Brollón recordan que “o Goberno de España non dá solucións ao déficit de profesionais en determinadas especialidades como medicina familiar e comunitaria”.