Partido Popular de Lugo

PSOE E BNG rexeitan que o Goberno de Sánchez teña en conta as demandas dos médicos á hora de modificar o Estatuto Marco e se poña fin aos paróns que impactan nos tempos de espera

Martes, 28 de xullo de 2026. O goberno provincial de PSOE e BNG rexeita reclamar ao Goberno de España poñer fin á folga dos médicos en todo o país. PSOE e BNG néganse a que o Goberno de Sánchez renove o Estatuto Marco do persoal estatutario dos servizos de saúde dende o consenso real cos profesionais sanitarios e as Comunidades Autónomas.

O goberno provincial de PSOE e BNG votaron en contra dunha iniciativa do Grupo Provincial Popular que reclamaba retirar a proposta actual, que non recolle as demandas dos profesionais para facer fronte aos problemas reais do Sistema Nacional de Saúde, e abrir un proceso de diálogo ata acadar o consenso dos profesionais e das CC.AA. Deste xeito, poríase fin aos paróns médicos que están a impactar nos tempos de espera dos pacientes e cos que os facultativos continuarán despois do verán ante a falta de acordos co Ministerio de Sanidade.

O deputado popular Francisco Balado sinalou que “chama a atención que non queiran apoiar esta moción sobre todo porque son todos os sindicatos médicos das 17 Comunidades Autónomas os que están pedindo a modificación, non é o Partido Popular só. É unha petición que fan os colectivos médicos de Galicia, Asturias, Castela e León, o País Vasco, Cataluña, etc.”, aclarou.

A clasificación dos grupos profesionais, as xornadas de garda, o réxime de incompatibilidades, a xubilación voluntaria, as melloras nas retribucións… son algúns dos factores nos que o Goberno de España -ministerios de Sanidade, Facenda, Traballo e Economía Social, Transformación Dixital e Función Pública…- non soubo, non puido ou non quixo atender ata agora as peticións expostas polos profesionais sanitarios.

A MODIFICACIÓN DO ESTATUTO MARCO É COMPETENCIA DO ESTADO

O deputado popular Francisco Balado deixou claro que “quen ten a competencia para modificar o Estatuto Marco non é a Comunidade Autónoma. É o propio Goberno do Estado”. Pero “cada vez que lles desvirtúan o debate da sanidade en clave autonómica póñense nerviosos”.

O popular sinalou que “as reivindicacións de PSOE e BNG nesta institución en materia sanitaria antes de que Sánchez chegara ao poder ían dirixidas tamén ao Goberno central”. Pero, dende entón, “esquecéronse e non lle fixeron nin unha soa petición en materia sanitaria”. E replicou: “a cada o seu. Ao Estado o que lle corresponde e á CC.AA. o que lle corresponde”.

Balado preguntou “se a sanidade é de todos, porque non se dirixen ao Goberno”. E incidiu en que “foi o que modificou o Estatuto Marco e o que provocou o enfado de todos os colectivos médicos”.

“Vostedes levan tempo criticando a falta de médicos en Atención Primaria”. E aínda que estea demostrado que “o Estatuto Marco proposto polo Goberno agrava eses problemas; agora non lles interesa a mellora da Atención Primaria, aínda que se vexa prexudicada pola redacción do novo Estatuto Marco. No fondo non lles importa a falta de médicos, o único que lles preocupa é ter motivos para protestar”, engadiu.

PSOE E BNG, EN CONTRA DE CUBRIR PRAZAS DE MÉDICOS

O deputado popular lembrou que “xa votaron en contra máis veces” de aplicar medidas para paliar o déficit de médicos: “no 2021 e 2022 Galicia quería avanzar con medidas propias, como fixeron outras Comunidades Autónomas, aprobando normas, por exemplo, para contratar médicos por concurso de méritos sen oposición e vostedes votaron en contra no Parlamento de Galicia”.