Martes, 28 de xullo de 2026. Os deputados do Grupo Provincial Popular denunciaron a actitude do PSOE e da presidenta da Deputación, Carmela López, que decidiron votar en contra da iniciativa do Grupo Provincial Popular para anular o convenio de 1,8M€ destinado á construción dunha nova ponte aberta ao tráfico na zona do Malecón de Monforte, a pesar de que o proxecto conta cun rexeitamento social masivo e cuxo único obxectivo é «cumprir co peaxe imposto polo deputado non adscrito e alcalde monfortino, José Tomé”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, denuncia que Carmela López amosa unha “submisión absoluta” cara á figura de Tomé, quen se atopa actualmente investigado pola Fiscalía por presuntos casos de acoso sexual. “É inadmisible que a Deputación destine os recursos públicos de todos os lucenses para blindar un pacto de goberno sustentado nunha persoa acorralada pola xustiza e coa que teñen unha débeda política que pagan cos diñeiros da provincia”, criticou.
Antonio Ameijide recordou que a proposta non buscaba retirar ningún investimento a Monforte, senón reconducilo cara a proxectos urxentes e necesarios. “Pedimos redefinir o convenio para que os 1,8M€ servisen para financiar a mellora integral da rede de saneamento e abastecemento de auga, unha demanda histórica e real dos veciños que o goberno socialista prefire ignorar, ou calquera outra necesidade que si reclama a veciñanza de Monforte”, sinalou.
“O PSOE e, sobre todo, Carmela López demostraron que están completamente secuestrados por José Tomé. Prefiren dilapidar 1,8M€ nunha barbaridade urbanística que ninguén quere en Monforte antes que desobedecer ao seu socio necesario. É indignante que se utilicen os recursos da Deputación como moeda de cambio política para soster a un alcalde investigado por acoso sexual e para financiala a súa cortina de fume no Malecón”, denunciou.
Dende o Grupo Provincial Popular lembran que o Malecón é o corazón da convivencia e do lecer monfortino. Meter tráfico rodado, erguer unha estrutura de formigón e aceiro, talar árbores e afectar ao comercio local non é progreso, senón “unha barbaridade urbanística sen sentido técnico nin social”.
Os deputados populares conclúen advertindo de que seguirán denunciando “o uso partidista e caciquil que o PSOE fai das institucións provinciais” e garanten aos veciños de Monforte que continuarán defendendo investimentos dignos e reais para o municipio, lonxe de chantaxes e intereses persoais.