Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros denunciaron o profundo malestar e as numerosas queixas que os veciños e usuarios están a trasladar debido á decisión do goberno local de retirar as duchas das praias do municipio, un servizo público que “sempre estivera operativo e resulta fundamental para un mellor desfrute das nosas praias”.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, consideran “inxustificable” que se eliminen unhas instalacións que cumprían unha función esencial e aportaban un plus de calidade aos usuarios dos areais. “Os veciños de Barreiros e os visitantes son absolutamente respectuosos co uso da auga; todos sabemos que o obxectivo destas duchas é quitar o salitre ou refrescarse ante as altas temperaturas”, explicou.
O voceiro popular lamenta que esta medida poña a Barreiros nunha situación de inferioridade respecto ao resto de municipios costeiros da Mariña. “Non podemos permitir que os nosos veciños e turistas sexan menos que os dos concellos limítrofes, onde todas as praias contan co servizo de duchas plenamente operativo”, sinalou.
A maiores da retirada das duchas, José Manuel Gómez Puente pon o foco na carencia de billas de auga potable nos areais, poñendo como exemplo o caso da praia de Altar, que actualmente non dispón de ningún destes dous servizos.
Para os populares, a instalación destas billas é unha necesidade urxente e unha cuestión de saúde pública, “pensando sobre todo nos nenos e nas persoas maiores, que necesitan ter un acceso rápido e garantido a auga potable para hidratarse ou refrescarse nestas datas de calor intensa”.
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular instan á alcaldesa a rectificar de inmediato, a escoitar as demandas veciñais e a devolver ás praias de Barreiros os servizos de calidade que merecen e que sempre as caracterizaron.