Os concelleiros do PP de Trabada esixen ao alcalde, Rubén García, que explique publicamente “se está a favor de que desapareza o espazo reservado para o centro de día e por tanto, nunca abra, ou, pola contra, se defende este servizo para toda a veciñanza”.
O voceiro popular, José María Fernández, sinala que o alcalde “debe dar un pronunciamento público” porque “todos os veciños levamos anos esperando a que se poña en servizo este centro de día que, todo indica, nunca veremos abrir”.
José María Fernández recorda que “o centro de día non é un acordo con ningún partido político, é froito dun convenio entre a Deputación e todos os veciños de Trabada que vemos como PSOE e BNG dende a Deputación non se preocupan por cumprir a palabra dada”.
Neste senso, o voceiro popular esixe ao alcalde que “diga se está cos veciños de Trabada e defende que non desapareza o centro de día ou, pola contra, se está posicionado co seu partido e vai aceptar esta desaparición aínda que sexa un perxuízo para todos os veciños”.
SUBA DAS TAXAS DA RESIDENCIA
José María Fernández tamén aproveita para destacar que “Rubén García nada dixo da brutal suba que PSOE e BNG impuxeron a todos os usuarios das residencias provinciais, Trabada incluída, con subas na cota que pagan de ata o 60%”.
Neste senso, José María Fernández sinala que “temos constancia de usuarios aos que lles suben a cota, dun mes a outro, en máis de 500€ e non vemos ao alcalde defender aos nosos veciños”.
O voceiro popular en Trabada lamenta que “PSOE e BNG impoñen unha suba brutal nas taxas que pagan os usuarios da rede provincial de residencias”, un aumento que “aprobaron en xunta de goberno para evitar o debate político e que os usuarios e as familias poidan organizarse e protestar de forma conxunta”.
As novas taxas para os usuarios das residencias da rede provincial supón que o recibo mensual vai pasar, nalgunhas tarifas, dos 1.390€ aos 2.200€ no caso dos dependentes, e dos 1.080€ aos 1.750€ no caso dos non dependentes.