Partido Popular de Lugo

O PP de Láncara advirte que “o goberno local socialista suprime as axudas ás festas populares das parroquias”

Láncara, 29 de xuño de 2026. O PP de Láncara condena “a falta de apoio ás festas populares das parroquias por parte do goberno local que preside Darío Piñeiro”. Os populares advirten que “o goberno socialista suprimiu este ano a achega que viña facendo por parroquia, a razón de 10 euros por veciño. Non están consignadas no orzamento do Concello para este ano”, apunta.

“Non se trata dunha gran cantidade, pero era un apoio para incentivar este tipo de celebracións nas que se reúnen distintas xeracións da mesma familia, amigos e veciños”. Os populares consideran “moi importantes estas festas” porque “son a principal actividade de dinamización social de todo o ano nas parroquias e unha oportunidade de socializar para os maiores do rural que viven sós”, segundo considera a portavoz, Olga Capón.

A popular cre que “esa pequena achega servía para axudar a sufragar algúns dos importantes gastos que supón unha festa deste tipo. A ninguén se lle escapa que a organización, por parte das comisións, require moito traballo, esforzo e dedicación. Por iso temos que recoñecer o seu labor”, apuntou.

Nese sentido, asegura que “se non fora pola iniciativa da xente das comisións ou das asociacións das parroquias, non habería actividades de dinamización social. A pesar de que a concelleira de Cultura, Alba Sangil, cobra do Concello por unha dedicación parcial, o goberno local non só non organiza, senón que agora tampouco colabora. Dende o Partido Popular entendemos que, polo menos, o Concello debería facilitar a organización destas festas”.

Capón subliña, ademais, que “non hai creatividade, non se impulsou nada novo nin se mellorou o que xa había. Se non fora pola Feira da Tenreira Galega, Láncara non se poñería no mapa”, asegura.

Os populares tamén condenan a “desigualdade” entre as parroquias toda vez que “non se anuncian todas as festas nas redes sociais do Concello” e que os desbroces só se realizan onde organizan a festa parroquial mentres que as demais quedan sen rozar; probablemente, ata outubro como todos os anos”, remarca a popular.

A portavoz denuncia tamén “desigualdades” entre as asociacións do municipio toda vez que “incrementou as axudas a catro colectivos a costa de reducir as achegas ás outras asociacións que había e tampouco contemplan todas as que hai no municipio”. Así consta no orzamento, o principal documento económico do Concello para este ano.

INCUMPRIMENTOS DO PSOE

O PP local condena, polo tanto, a “falta de avances en materia de dinamización económica, social e cultural por parte do goberno de Láncara, precisamente algunhas das áreas que xestiona Alba Sangil, como concelleira de Desenvolvemento Local, Cultura, Deporte, Medio Ambiente, Participación Veciñal e Novas Tecnoloxías.

O goberno local socialista “ten incumprido moitas das propostas do seu programa electoral”, algunhas delas no ámbito da dinamización social, o desenvolvemento local ou o deporte.

Un exemplo é a creación dun centro social interxeracional. “Non existe este novo espazo, pero o que si existen son as escolas das parroquias que están cheas de silvas por non rozar e acondicionar. E as que si se arranxan é porque piden axudas as propias asociacións de veciños”.

Tampouco se crearon novos parques infantís que tamén prometían no seu programa electoral “nin se arranxou a cuberta e se instalaron luminarias no polideportivo a pesar de que levan 3 anos contemplándoo no orzamento municipal”.

A popular tamén afea “a falta de impulso a sectores coma o do moble, a hostalería ou o pequeno comercio”; e, en xeral, “para o asentamento da poboación a través da creación de emprego no municipio e do impulso para a construción de vivenda”.