Vilalba, 21 de xuño de 2026. O PP de Vilalba quere felicitar á nova empresa adxudicataria das parcelas do polígono industrial xa que “sempre é unha boa nova, así como supón un impulso económico para o municipio”.
Pese a isto, dende o PP vilalbés tamén poñen deberes ao goberno local e lamentan que este fito sexa unha “excepción” dentro dunha xestión marcada pola inacción.
Neste sentido, sinalan directamente a Modesto Renda, quen é “o principal responsable de poñer trabas constantes” aos empresarios que queren emprender e investir en Vilalba. “Como pode ser que diga que foi un dos días máis felices da súa vida (adxudicar dúas parcelas) tras levar tres anos no goberno sen facer nada?”, cuestionan.
A realidade é que estamos ante un goberno municipal “esgotado” que “en lugar de amosar a súa preocupación por atraer empresas, son protagonistas pola súa inacción”.
Os populares lembran que o desenvolvemento do parque empresarial acumula xa varios anos de parálise, un tempo no que a falta de iniciativa freou proxectos no municipio. “Non podemos permitirnos o luxo de que haxa parcelas aínda sen adxudicar e que a necesaria ampliación do polígono siga metida nun caixón por falta de xestión”, afirman os populares.
“Os emprendedores e empresarios de Vilalba que queren investir, crecer e xerar emprego no municipio non poden atopar no Concello un muro de burocracia e desinterese. Modesto Renda debe cambiar a parálise polo traballo e deixar de poñer paos nas rodas ao tecido empresarial”, explican.
Cómpre ofrecer solo industrial competitivo e nunhas condicións atractivas para que as empresas non se vexan obrigadas a marchar a outras localidades. “Hai que dar un xiro de 180º á política industrial do Concello”, esixen.