Lugo, 20 de xuño de 2026.- O Senado debaterá o vindeiro luns, 22 de xuño, unha moción do Grupo Parlamentario Popular que reclama ao Goberno de España a presentación, nun prazo máximo de tres meses, dunha planificación completa e detallada que inclúa obras, investimentos e prazos concretos para garantir a chegada da alta velocidade ferroviaria a Lugo.
A iniciativa será defendida polo senador lucense José Manuel Balseiro na Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible da Cámara Alta e conta tamén coa sinatura dos senadores José Manuel Barreiro e Juan Serrano.
Os populares consideran que chegou o momento de que o Goberno deixe de ofrecer promesas xenéricas e asuma compromisos concretos cunha provincia que continúa sendo a única capital galega á marxe da alta velocidade ferroviaria. Neste sentido, a moción reclama que o Executivo detalle as actuacións necesarias para que Lugo dispoña dunha conexión ferroviaria moderna, competitiva e equiparable á do resto de Galicia.
Balseiro denuncia que Lugo leva anos acumulando atrasos e incumprimentos en materia de infraestruturas e advirte de que a ausencia dunha planificación clara para a chegada do AVE supón unha desvantaxe para a competitividade, a atracción de investimentos, a fixación de poboación e o desenvolvemento económico da provincia.
A iniciativa tamén reclama a recuperación das variantes ferroviarias de Os Peares-Canabal e Rubián, actuacións consideradas estratéxicas para mellorar as prestacións da conexión ferroviaria con Lugo e garantir que a provincia non quede definitivamente excluída das vantaxes asociadas á alta velocidade.
“Os lucenses están cansos de promesas incumpridas. O Goberno xa non pode seguir agochándose detrás de anuncios sen data nin compromisos indefinidos. Lugo merece o mesmo trato e as mesmas oportunidades que o resto das capitais galegas e ten dereito a saber que pensa facer o Executivo, canto vai investir e cando pensa cumprir cunha reivindicación histórica desta provincia”, sinala Balseiro.
Os populares confían en que o conxunto dos grupos parlamentarios apoien unha iniciativa que responde a unha demanda amplamente compartida pola sociedade lucense e por numerosas institucións que ao longo dos últimos anos reclamaron unha solución para rematar coa discriminación ferroviaria que sofre Lugo.