Partido Popular de Lugo

Balseiro: “A autovía da Mariña segue sendo só un debuxo sobre o papel: sen obras, sen orzamento e sen prazos, malia que o PSOE prometía que estaría en construción en 2024”

Lugo, 20 de xuño de 2026.- O senador do Partido Popular por Lugo, José Manuel Balseiro, restou importancia ao anuncio realizado polo Ministerio de Transportes sobre a aprobación provisional do trazado da futura autovía A-74 entre O Carme e Barreiros e asegurou que “a realidade é que a autovía da Mariña segue exactamente onde estaba: sobre o papel, sen obras, sen orzamento e sen prazos”.

Balseiro lembrou que os responsables socialistas prometeron reiteradamente que esta infraestrutura estaría xa en construción no ano 2024. “O líder do PSOE en Galicia, deputados, senadores e alcaldes socialistas venderon aos veciños da Mariña que as obras ían ser unha realidade en 2024. Estamos en 2026 e non só non hai obras, senón que non se executou nin un só quilómetro da A-74”, manifestou.

Para o senador popular, o anuncio realizado polo Goberno non permite falar de avances reais porque a infraestrutura continúa atrapada nunha fase administrativa que aínda deberá superar numerosos trámites antes de converterse nunha obra efectiva.

“Ningún dos tramos da autovía conta a día de hoxe cun trazado definitivamente aprobado. Tampouco existe unha data para o inicio das obras nin unha consignación orzamentaria suficiente que permita pensar nunha execución a curto prazo. O único que temos son liñas debuxadas nun plano e novos anuncios para intentar ocultar a falta de compromiso do Goberno coa Mariña”, afirmou.

Un tramo recortado e con alegacións pendente de resolver

Balseiro lembrou ademais que o tramo agora anunciado xa fora sometido a información pública no ano 2018 polo Goberno de Mariano Rajoy. Aquel proxecto contemplaba un trazado de aproximadamente 11,5 quilómetros entre Foz e Barreiros, mentres que a proposta presentada agora polo Executivo socialista limita a actuación ao subtramo comprendido entre O Carme e Barreiros, cunha lonxitude de apenas 6,5 quilómetros.

“O máis preocupante é que, despois de sete anos de Goberno de Sánchez, non só non avanzaron sobre o proxecto que herdaron, senón que presentan un tramo recortado en preto de cinco quilómetros respecto ao que xa saíra a información pública en 2018. É dicir, anuncian hoxe unha actuación máis curta que a que o Goberno do Partido Popular deixara xa en tramitación e, ao mesmo tempo, recoñecen expresamente na documentación feita pública que continúan sen resolver as alegacións formuladas durante aquel proceso iniciado hai sete anos”, sinalou.

Bloqueo nos despachos

Ao seu xuízo, este feito evidencia a falta de avances reais nunha infraestrutura considerada estratéxica para a comarca. “Estamos ante a demostración de que a A-74 leva anos bloqueada nos despachos. Non resolveron alegacións pendentes desde hai sete anos, non aprobaron definitivamente ningún tramo, non fixaron datas para o inicio das obras e tampouco reservaron os recursos económicos necesarios para executalas”, indicou.

Motivos para desconfiar

O senador popular considera que os veciños da Mariña teñen motivos para desconfiar de novos anuncios mentres non existan compromisos concretos. “A Mariña non necesita máis titulares nin máis promesas electorais. Necesita proxectos definitivamente aprobados, partidas económicas suficientes e máquinas traballando sobre o terreo”, afirmou.

Neste sentido, cualificou o anuncio ministerial como “un novo brindis ao sol” e advertiu de que, sen financiamento, sen calendario e sen decisión política para executar a infraestrutura, “todo corre o risco de quedar reducido a un exercicio de propaganda”. “Despois de sete anos de Goberno de Sánchez, a autovía da Mariña continúa sendo fume. O PSOE prometeu obras en 2024 e en 2026 seguimos falando de planos, trámites e anuncios. Iso evidencia a falta de compromiso real do Executivo coa comarca e coas súas necesidades de mobilidade, seguridade viaria e desenvolvemento económico”, concluíu Balseiro.