Partido Popular de Lugo

O PP esixe a Lino Rodríguez a organización inmediata do campamento municipal e a apertura das piscinas de verán

Os concelleiros do Grupo Municipal Popular de Pol denuncian “a nula preocupación” de Lino Rodríguez polos nenos e nenas do municipio e a conciliación familiar xa que “hoxe remata o curso escolar e as familias seguen sen ter información sobre a organización do campamento municipal gratuíto nin sobre a apertura das piscinas municipais”.

A voceira municipal, Nicole Grueira, afirma que “os campamentos municipais non son un luxo, senón unha ferramenta fundamental para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o verán”.

“O verán non chega por sorpresa, senón que se sabe a data do remate do curso, polo que é incomprensible que, chegados a estas datas, o Concello continúe sen anunciar nin comunicar un servizo tan importante para moitas familias de Pol”, denunciou.

A falta de información sobre o campamento municipal gratuíto e sobre a apertura das piscinas é un novo exemplo da escasa planificación do alcalde. “As familias de Pol merecen coñecer con antelación os servizos que lles ofrece o Concello para poder organizar o verán dos seus fillos con garantías”, explicou.

Nicole Grueira considera que esta situación evidencia unha mala xestión e unha preocupante falta de organización por parte do alcalde, “poñendo aos nenos e as familias de Pol entre as últimas preocupacións do goberno municipal”.

Por iso, desde o PP de Pol esixen ao alcalde que poña en marcha o campamento municipal e que informe de inmediato ás familias sobre a súa organización.