O portavoz do PP de Samos, Miguel Gallego, denuncia a “neglixente e nefasta” xestión que realizan do Concello e dos recursos de toda a veciñanza a alcaldesa e o seu equipo de goberno xa que, nesta ocasión, comprobamos que “deben máis de 54.000€ en facturas de electricidade”.
O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, critica que “non se poden deixar facturas sen pagar”, ao que engadiu que “seguramente a alcaldesa ten a sorte de que quen debe as facturas é unha administración pública, xa que de ser un particular xa lle terían cortado o servizo”.
Neste senso, Miguel Gallego esixe axilidade no pago das facturas xa que “non sexa que a empresa se canse de agardar a que lle paguen e finalmente corte o servizo”.
Segundo a información á que tivo acceso o Grupo Popular, a empresa adxudicataria do alumeado público reclama ao Concello de Samos 54.444,47€. Esta débeda distribúese de forma consecutiva ao longo de tres anos; 25.102,27€ do ano 2023, 14.140,28€ do 2024 e 15.201,92€ do 2025.
Miguel Gallego pregunta á alcaldesa “por que non se pagaron as facturas”. “Agardamos que se pague axiña e que ningunha empresa que presta servizo para o Concello de Samos teña que acudir ao xulgado para poder cobrar”, poñendo como exemplo recente o caso da polbeira.
O voceiro popular denuncia que “esta situación de acumulación de facturas pendentes está a converter ao Concello de Samos nunha administración endebedada e, de seguir así, ningunha empresa quererá traballar para a institución local ante o temor de non cobrar polos seus servizos”, algo que “está comezando a suceder”.
Esta “nefasta” xestión económica ten xa consecuencias directas no día a día de Samos. Por exemplo, na rúa do Salvador —unha zona estratéxica onde se atopan a capela do ciprés, a oficina de turismo e varios negocios locais— “levamos máis de seis meses sufrindo continuos cortes no servizo de alumeado público sen que o Concello ofreza ningunha explicación”.
Miguel Gallego esixe explicacións públicas da alcaldesa sobre os motivos de non pagar as facturas e pregunta de forma directa: “en que se gastan os cartos de todos os veciños de Samos?”.