Os concelleiros do PP de Monforte lamentan que “pola falta de traballo e preocupación” de José Tomé e o seu equipo de goberno “temos que volver a lamentar numerosos danos materiais no municipio” tras un episodio de intensas choivas.
A voceira popular, Katy Varela, quere trasladar, en primeiro lugar, “toda a nosa solidariedade cos afectados polos danos do trebón de onte” e sinala que “puido terse minimizado os danos se o goberno de Tomé tivera unha preocupación real por mellorar a canalización de augas pluviais e o saneamento”.
“Todos sabemos que ante un episodio de intensas choivas como o de onte é complicado dar unha resposta perfecta, pero si que se pode traballar durante o ano para evitar ou minimizar as complicacións e as inundacións de onte”, explicou.
A voceira popular destaca que “se volveron a evidenciar” os problemas que coa auga en Monforte. Inundáronse de novo as mesmas zonas de sempre e volveron a aparecer os problemas de saneamento, con augas de saneamento pola rúa.
Os concelleiros populares achegáronse hoxe a algúns dos establecementos máis afectados e “atopamos desesperación e cansanzo porque o goberno de Tomé non dá solución a este problema”.
“Cada día queda máis patente que as inundacións adoitan producirse nos mesmos puntos. Unha evidencia da falta de xestión do alcalde”, denunciou.