Lugo, 12 de xuño de 2026.– Os senadores do PP lucense explican que “a realidade é que no cuartel de Portomarín, que presta servizo tamén a Paradela, hai actualmente 1 sarxento e 2 gardas no momento de máis tensión turística de Portomarín e Paradela”.
O senador Juan Serrano subliña que “esa é a visión real da situación” que “coñecen perfectamente os veciños e veciñas”. E engade que “a diferenza do señor Mogo, vivo en Portomarín e coñezo por nome e apelidos aos axentes que prestan os seus servizos nestes dous concellos da provincia de Lugo”.
“Pero non lle fai falta ir a Portomarín para ter datos reais de primeira man: no municipio onde veranea o señor Mogo, O Valadouro, hai actualmente un total de 2 efectivos dos 6 que recolle o catálogo”, apunta.
Segundo os datos que ofrece o propio Executivo en resposta oficial ás preguntas formuladas polos senadores do PP lucense, “a 31 de decembro de 2025 estaban sen cubrir 169 das 1.092 postos do catálogo para a provincia de Lugo; é dicir, case 2 de cada 10 prazas”.
Ademais, os populares afean que “o Goberno de Sánchez non especificou o grao de cobertura de prazas en cada cuartel como lle solicitabamos nas nosas preguntas”. E advirten, á vista de varios exemplos concretos de municipios da provincia, dun “déficit de servizo no rural”.
POLÍTICA NACIONAL
Serrano asegura que “non manipulamos” sobre os datos da Garda Civil en Portomarín. “Quen parece que intentou en Madrid manipular á Garda Civil, polo que sabemos recentemente, foi o PSOE”, apunta. O senador popular reafirma, así mesmo, o “respecto” do Partido Popular aos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado e “o noso recoñecemento ao seu traballo”.
Finalmente, Juan Serrano convida a Mogo a “ocuparse menos dos temas de Xibraltar e máis dos temas da provincia de Lugo, que é que debería representar no Senado”.