Monforte, 12 de xuño de 2026. Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Monforte cualifican de “incoherencia absoluta e hipocrisía política” a decisión de José Tomé de suspender o concerto do artista Beret, programado para as festas patronais, tras coñecerse unha acusación por presunta agresión sexual contra o cantante.
Os concelleiros do PP de Monforte consideran “inaudito e insólito” que o rexedor aplique de xeito fulminante unha vara de medir cos demais que, de xeito deliberado, se nega a aplicarse a si mesmo. Os populares lembran que José Tomé atópase nestes momentos baixo unha investigación aberta nos xulgados de Lugo por un presunto delito de acoso sexual, tras ser denunciado por ofrecer, presuntamente, postos de traballo no Concello de Monforte a cambio de favores sexuais.
Dende o Grupo Municipal Popluar explican que sinalou que a situación actual é de “unha incoherencia insostible” e que “Tomé debe tomar o mesmo camiño, dimitir da alcaldía e non pisar Monforte”.
“O alcalde non pode pretender dar leccións de exemplaridade pública de cara á galería mentres el mesmo está a ser investigado pola xustiza por uns feitos de extrema gravidade que afectan, precisamente, á dignidade das mulleres e ao uso ilícito dunha institución pública como é o Concello”, denuncian.
Dende o Grupo Municipal Popular destacan que “a realidade é que Tomé carece de calquera autoridade moral para seguir a fronte da alcaldía, polo que por coherencia e respecto aos veciños de Monforte, debe de apartarse de inmediato do seu cargo”.