Foz, 11 de xuño de 2026. O Grupo Municipal do Partido Popular de Foz amosou a súa decepción ante os orzamentos municipais para o exercicio 2026, que serán aprobados no pleno deste xoves tras o acordo acadado entre PSOE e BNG.
O voceiro popular, Javier Castiñeira, considera que as contas presentadas polo goberno local supoñen “un paso atrás para Foz” e lembra que “volven rememorar os orzamentos do 2024 do goberno bipartito, coa salvedade de que aqueles eran 206.000 euros superiores aos que se presentan agora para 2026”.
Castiñeira criticou tamén o atraso na elaboración das contas municipais, ao sinalar que chegan “dous anos e oito meses despois da aprobación dos últimos orzamentos, o que constitúe unha anormalidade absoluta”.
Desde o PP denuncian ademais a falta de participación na elaboración do documento. “Non nos chamaron para nada, excluíron totalmente ao Partido Popular, pero tamén a asociacións e mesmo a departamento do propio Concello. ¿Onde están eses orzamentos participativos que prometían PSOE e BNG?”, preguntouse o portavoz popular.
O grupo popular considera igualmente que as previsión de ingresos están sobredimensionadas. Neste sentido, Castiñeira advertiu de que “hai ingresos dubidosos”, referíndose aos 40.000 euros previstos pola taxa turística. “Vai ser imposible cobralos porque estamos case xa en pleno verán e para facelo é necesaria unha ordenanza que non existe”, asegurou.
Tamén cuestionou a inclusión íntegra do canon da auga nos ingresos deste exercicio. Segundo explicou, “estanse inflando os orzamentos con máis dun mullón de euros dun canon que debería cobrarse ao longo de quince anos e non concentrarse nestes seis meses”.
Para os populares, trátase ademais dunhas contas “preelectorais”, nas que “o único que sobe é a propaganda do equipo de goberno”. Así mesmo, lamentan a reducción do investimento municipal respecto aos últimos orzamentos aprobados. “Hai pouco máis de 200.000 euros destinados a investimentos, unha cifra mínima e claramente insuficiente para as necesidades do municipio”, indicou Castiñeira.
O portavoz popular augurou tamén que as contas deberán ser modificadas nos próximos meses. “Son uns orzamentos irreais e pronto veremos suplementos e modificacións de crédito porque hai partidas que non chegan, dunha forma moi parecida ao que xa aconteceu o ano pasado”, afirmou.
No apartado de propostas, o PP lamenta que ningunha das iniciativas trasladadas ao goberno local fose tida en conta. Entre elas citan a instalación dun novo marcador para o pavillón de Marzán, a construción de vestiarios para o Club Deportivo Foz, a mellora da estrada da Granda de Forxán entre a depuradora e o polígono, a adquisición do solar para a ampliación do centro de saúde, o pintado do Cenima, a posta en valor do Castro de Fazouro, o reforzo do servizo de limpeza, a eliminación do imposto da plusvalía, un novo plan de mobilidade adaptado á realidade actual do municipio e a regulación das autocaravanas.
Castiñeira lembrou tamén que nos orzamentos de 2024 o goberno local incluíra a compra de terreos para un auditorio, “sen que se fixese absolutamente nada desde entón”.
Por todo iso, o Grupo Municipal Popular anunciou o seu voto en contra. “Moitas das propostas que presentamos podían ser importantes para Foz e non se quixo contar co Partido Popular. Por iso o noso voto será contrario a estes orzamentos”, concluíu Javier Castiñeira.