Portomarín, 10 de xuño de 2026. Os senadores do PP lucense -José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano- veñen de rexistrar unha iniciativa parlamentaria para esixir explicacións ao Goberno de Sánchez pola grave falta de efectivos e medios materiais que sofre o posto da Garda Civil de Portomarín -que tamén dá servizo a Paradela- e que evidencia o progresivo deterioro dos servizos de seguridade no rural lucense.
Segundo a información recollida, o catálogo desta unidade contempla unha dotación formada por un sarxento, un cabo e seis gardas civís. Porén, na actualidade só prestan servizo un sarxento e dous gardas civís, o que significa que a cobertura efectiva apenas alcanza un terzo das prazas previstas para os axentes, permanecendo ademais vacante a praza de cabo.
Esta realidade contrasta coa existente no ano 2018, cando o cuartel contaba coa totalidade da súa plantilla cuberta ao longo de todo o ano. “Mentres que o Ministro sostén que se gañaron efectivos con respecto ao 2018, a realidade é que o cuartel de Portomarín sofre unha importante redución de persoal”, apunta Serrano.
“É imposible manter o mesmo nivel de servizo cando onde debería haber seis gardas civís só hai dous. O Goberno non pode seguir mirando para outro lado mentres se baleiran de efectivos os postos da Garda Civil no rural”, segundo sinala o senador popular.
A esta falta de persoal súmanse os problemas cos medios materiais. Un dos vehículos adscritos ao posto atópase inmobilizado desde hai meses no taller, mentres que o segundo sufriu unha avaría que obrigou a recorrer temporalmente a un vehículo prestado por outra unidade para poder continuar prestando servizo.
O Partido Popular considera especialmente preocupante esta situación “tendo en conta a importancia estratéxica do posto de Portomarín, que atende unha zona atravesada polo Camiño Francés de Santiago e que recibe cada ano milleiros de peregrinos procedentes de todo o mundo”, segundo puntualiza Serrano.
“A seguridade dos veciños e dos peregrinos non pode depender de cadros de persoal infradotados nin de vehículos avariados. O que está a ocorrer en Portomarín é un exemplo máis do abandono que sofren numerosos postos da Garda Civil na provincia de Lugo”, denuncian.
A través da iniciativa rexistrada no Senado, o PP reclama ao Ministerio do Interior que detalle as medidas previstas para cubrir as vacantes existentes, recuperar os niveis de efectivos contemplados no catálogo oficial e garantir que a unidade dispoña dos medios materiais necesarios para desenvolver con normalidade as súas funcións.
Os populares advirten de que a seguridade no rural non pode seguir sendo a gran esquecida das políticas do Goberno e esixen unha actuación inmediata para evitar que continúe o deterioro dun servizo público esencial para os veciños e veciñas.