Láncara, 2de xuño de 2026. O PP de Láncara censura “a falta de respecto constante por parte do alcalde a quen exerce a oposición con responsabilidade”; así coma a actitude “prepotente e autoritaria” do rexedor socialista.
A portavoz popular, Olga Capón, solicitou que conste en acta “o desacordo do grupo popular coa decisión do rexedor a convocar a Comisión Especial de Contas para só media hora antes da celebración do Pleno ordinario”. Incluso, a pesar de estar convocada para as 19.30 horas do xoves 28 de maio, non deu comezo ata 10 minutos despois; polo que durou escasos 20 minutos. “En lugar de recoñecer que era pouco tempo, a resposta do alcalde foi que se convocatoria igual para o ano que vén e para o outro e para o seguinte tamén”.
Concretamente, a popular denuncia que “o alcalde limita o labor da oposición” toda vez que “non dispoñiamos de máis de media hora para abordar e ditaminar a Conta Xeral do Concello do exercicio 2025, un expediente complexo e con moitas magnitudes económicas que require aclaracións”.
“O alcalde preferiu limitar o tempo para evitar que a oposición plantexara as preguntas que considerara oportunas”, censura. Así, o PP abstívose. “Debémonos aos veciños que nos votaron e aos que non tamén: non imos dicir amén a todo, senón que debemos cumprir co noso labor de fiscalización”.
A popular cre “non parece casualidade que convocara a Comisión Especial de Contas cunha previsión de 30 minutos de duración despois de que, na anterior Comisión Especial de Contas, fora increpada e non se me contestaran ás preguntas”, explica.
Olga Capón asegura que “este non é un feito illado”. E pon como exemplo que “levamos dende o 2024 solicitando oficialmente a través do Rexistro, ata en tres ocasións, un local para o grupo municipal, petición reiterada tamén no Pleno, sen obter resposta”.
A popular condena “o trato á oposición” que “cando pregunta, revisa ou cuestiona se atopa con desprezos e evasivas”; pero tamén “a forma de gobernar sen planificación, sen organización e ao antollo de quen dirixe o Concello”.
A ese respecto, asegura que “non se está xestionando ben” cando “chegan fondos doutras administracións e as obras repítense unha e outra vez ou existen reparos de intervención por actuacións que non se adaptan ao orzamento ou á lei”.
A portavoz popular asegura que “non se pode confundir maioría absoluta con poder facer e desfacer sen pretender dar ningún tipo de explicación” porque “para nós é serio todo aquilo que afecta ao presente e ao futuro do noso concello”.