Partido Popular de Lugo

O PP de Trabada denuncia o risco de “quebra técnica” do Concello pola neglixente xestión de Rubén García

Os concelleiros do PP de Trabada amosan a súa fonda preocupación ante os “máis que preocupantes” datos económicos que veñen de saír á luz do Consello de Contas. A radiografía realizada por este órgano sobre a saúde das administracións locais confirma “o que levamos tempo advertindo: o Concello de Trabada atópase nunha situación de colapso financeiro froito da xestión irresponsable de Rubén García”.

O voceiro popular, José María Fernández, lamenta que a realidade de Trabada “chegase a este punto crítico”. O informe sinala que os ingresos correntes non son suficientes nin sequera para facer fronte aos gastos ordinarios e á amortización da débeda pendente. “Esta asfixia económica tradúcese nunha solvencia nula, deixando ao Concello sen capacidade de manobra nin liquidez para afrontar pagamentos urxentes ou investimentos básicos”, criticou.

José María Fernández apunta directamente a Rubén García como o responsable desta deriva: “Estamos ante unha xestión neglixente que priorizou o gasto sen control sobre a estabilidade orzamentaria. Hoxe, Trabada non ten cartos para o día a día porque se gastou o que non se tiña”.

Unha situación que pode ter consecuencias moi negativas para todos os veciños de Trabada, como que se poña en risco a prestación de servizos municipais ou que non se podan realizar investimentos necesarios, entre outros.

José María Fernández esixe unha explicación inmediata e transparente por parte do goberno local. “Os datos do Consello de Contas non admiten interpretacións; a xestión de Rubén García levou ao Concello á quebra técnica. Trabada merece un goberno que respecte os cartos públicos e aos veciños e que saiba xestionar con responsabilidade e non con improvisación”, sentenciou.