Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Barreiros lamentan a imaxe de abandono que presentan actualmente as beirarrúas e as zonas habilitadas para o paseo peonil en numerosos puntos do concello debido á proliferación de herbas e maleza sen controlar que está a invadir os espazos públicos, obrigando en moitos casos aos veciños a camiñar pola calzada con perigo para a súa integridade.
O voceiro popular, José Manuel Gómez Puente, denuncia que a falta de mantemento non é só unha cuestión estética, senón un problema de seguridade viaria e salubridade. «É inaceptable que en plena primavera, preto xa do inicio da campaña de verán, cando máis xente sae camiñar, as beirarrúas estean impracticables e cubertas de silvas e herba», lamentou.
Unha actuación que deberíade realizarse evitando herbicidas, os coñecidos como glifosato sódico “por ser un producto tóxico para o medio ambiente”.
O voceiro popular insta ao goberno local a que asuma as súas responsabilidades de xeito urxente a través de dúas vías:
- Vías municipais: O Concello debe proceder ao desbroce e limpeza inmediata de todas as zonas que son da súa competencia directa
- Vías provinciais: A alcaldesa debe dirixirse formalmente á Deputación de Lugo para requirirlle a limpeza das marxes e aceras nas estradas da rede provincial que atravesan o noso municipio e que se atopan en estado crítico
«Os veciños de Barreiros pagamos os nosos impostos para ter uns servizos básicos dignos. O Concello non pode mirar para outro lado mentres a maleza devora os espazos de paseo», explicou.