Láncara, 29de abril de 2026. O PP de Láncara cre que “o alcalde acerta cando rectifica” tras solicitar de forma conxunta o obradoiro de emprego ‘Os Soutos II’ que a Xunta financia con máis de 450.000 euros dirixidos á contratación de persoas desempregadas e a realizar actuacións nos concellos de Láncara, Paradela e Samos.
Os concelleiros do PP teñen insistido en numerosas ocasións en que “manter bos contactos con alcaldes doutros Concellos e coa Xunta de Galicia supón beneficios para o concello de Láncara”. E, agora, “vén a darnos a razón”. De feito, “o alcalde recoñece, despois da insistencia do Grupo Popular, que solicitar correctamente as axudas da Xunta beneficia a Láncara e aos veciños e veciñas”. A portavoz popular, Olga Capón, cre que “non se deben desaproveitar oportunidades para o noso concello”.
O obradoiro do ano pasado ‘Os Soutos I’ financiado pola Xunta permitiu o acondicionamento dunha parte do paseo na zona das antigas vías do tren. Con todo, os populares esixen explicacións ao alcalde por ter anunciado que se acometerían traballos no paseo e na área fluvial da Pobra e por incumprir a promesa: “no primeiro caso, só se actuou na metade e, no segundo, non se fixo nada”.
De feito, a portavoz do PP incide en que no pésimo estado de conservación das áreas fluviais do río Neira -tanto na Pobra como en Láncara-, das áreas infantís ou de descanso. “Estamos xa na primavera e encarando o verán, pero o seu estado é de abandono, como comprobamos ano tras ano”, apunta.
Os populares lembran “o compromiso da Xunta de Galicia con Láncara” toda vez que “está a investir nas obras máis destacadas que se están acometendo en Láncara” como é a mellora da estrada LU-622 ao seu paso por Carracedo e Armea ou a segunda fase do acondicionamento das beirarrúas da LU-621 na parroquia de Láncara, recentemente anunciada; ademais dos obradoiros de emprego.
NULAS POLÍTICAS DE EMPREGO
A popular subliña as “nulas políticas dirixidas á creación de emprego ou ao desenvolvemento económico” do municipio por parte do goberno local á vista de que “houbo anos sen obradoiros de emprego, non contrata brigada contra incendios a pesar de que é subvencionada pola Xunta, non é capaz de dotar ao municipio dun polígono industrial como prometera, as obras que licita o Concello non saen á primeira (por quedar desertas ou por ter que facer a mesma obra varias veces) e os particulares que queren empezar unha actividade ou negocio atópanse con trabas, esixencias e demoras”, conclúe.