Partido Popular de Lugo

O PP de Foz advirte que non aprobará facturas de 2025 se non hai orzamentos para 2026

Foz, 29 de abril de 2026. O Partido Popular de Foz manifesta a súa preocupación pola situación económica do Concello e critica duramente a xestión do goberno local.

A concelleira popular Laura Riveira sinala que “dende o Partido Popular de Foz estamos asombrados da incapacidade na xestión económica do señor Cajoto e da señora Couto, que teñen unha mente insaciable no gasto municipal que logo resolven con chantaxe emocional e manipulación ás empresas e á propia oposición”.

Os populares lembran que xa advertiran hai un ano das consecuencias desta política económica, cando o goberno levou a aprobación de máis de 800.000 euros en facturas de exercicios anteriores. Segundo indican, esta situación acabou desestabilizando os orzamentos prorrogados, que tiveron que ser suplementados en novembro con 1,3 millóns de euros para poder facer fronte aos pagos.

“Pois volve ás andadas e repítese a historia”, afirma Riveira, quen explica que o alcalde vén de informar da súa intención de levar ao pleno un novo recoñecemento extraxudicial de crédito por máis de 450.000 euros correspondentes a facturas do ano pasado.

Para o PP isto evidencia “o auténtico desastre e descontrol no gasto no que está sumido este goberno, que parece encantado en non aprobar os orzamentos porque, para o que miran para eles, mellor seguir cos prorrogados ao puro estilo Pedro Sánchez”.

Neste contexto, Laura Riveira lanza unha advertencia clara: “sen orzamentos do 2026 non aprobaremos ningunha factura máis do 2025. Estamos cansos e indignados de ser os ‘pagafantas’ de Cajoto”.

Ademais, lembra que esta postura non é nova: “dende o Partido Popular xa llo dixemos o ano pasado: ata aquí chegamos. Se non hai orzamentos do 2026 non aprobaremos facturas do ano anterior”. A concelleira engade que esta obriga está recollida no plan económico-financeiro aprobado polo propio goberno, “que non está cumprindo”.