Partido Popular de Lugo

O PP advirte que “o Goberno de Sánchez non ofrece prazos para a mellora dos accesos á estación de Oural afectados polas obras de supresión dos pasos a nivel”

Sarria, 29 de abril de 2026.– O PP condena a “falta de vontade” do Goberno de Sánchez por atender as demandas dos veciños do Oural, en Sarria, ante as súas queixas polo mal estado dos accesos ao barrio e á estación do tren con motivo das obras de supresión dos pasos de nivel ferroviarios.

Os senadores por Lugo -José Manuel Barreiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano- advirten, ademais, de que “o Goberno de Sánchez non concreta que medidas vai adoptar nin en que data” en resposta oficial ás preguntas que os populares formularon na Cámara Alta a petición do PP de Sarria.

En relación á reposición dos accesos e servizos afectados, o Goberno de España asegura que eses traballos “deberán ser acometidos nesta fase final da obra”, pero “non ofrece prazos concretos”, como denuncian os senadores do Partido Popular.

Os populares condenan que “o Goberno de Sánchez non estea a adoptar medidas para reducir os inconvenientes que sofren a diario os veciños e veciñas por mor das obras” e que “tampouco ofreza unha data nin especifica que traballos ten previsto acometer para restablecer uns accesos dignos e debidamente axeitados para vehículos de gran tamaño” para favorecer a loxística dos servizos básicos, as actividades económicas locais e á mobilidade dos veciños e veciñas.

O PP de Sarria leva tempo demandando “a construción dun acceso amplo para a estación de Oural” e as vivendas da zona “para que non se queden illadas e dispoñan dunha comunicación acorde cos tempos en que vivimos”.

As continuas queixas dos veciños e veciñas polo estado precario da estrada de acceso non foron atendidas en todo este tempo. “A pesar da resposta oficial do Goberno, a realidade é que a día de hoxe a zona continúa en mal estado sen que se aprecie vontade por garantir as melloras demandadas polos veciños e veciñas”, conclúen.