Lourenzá, 23 de abril de 2026. O PP de Lourenzá solicita formalmente á alcaldesa socialista a convocatoria da sesión ordinaria do Pleno do Concello que non se celebra dende fai 5 meses. O portavoz, Roberto Díaz, vén de rexistrar a solicitude para que a alcaldesa convoque de forma urxente un pleno ordinario, adopte as medidas para recuperar a normalidade institucional e ofreza unha resposta aclarando os motivos polos que non se está a cumprir o réxime de funcionamento dos plenos.
Os populares lembran que “a principios de mandato acordamos a celebración das sesións ordinarias do Pleno cunha periodicidade de 2 meses, pero este ano aínda non se convocou ningún”; polo que “a rexedora está a incumprir o acordo, e polo tanto, incumprindo a legalidade”. E engaden que “non podemos formular preguntas formalmente nin levar ao órgano correspondente as propostas que nos trasladan os veciños e veciñas”, sinalan. Polo tanto, “dificulta as nosas funcións como concelleiros” e “afecta ao noso dereito de representación política”.
A non convocatoria das sesións plenarias bloquea tamén outros asuntos relevantes para o funcionamento ordinario do Concello. O Pleno municipal é o órgano que aproba as ordenanzas, regulamentos, determinados contratos, operacións contables e de crédito, o orzamento e as decisións estratéxicas do concello, ademais de controlar a acción do goberno local.
Os concelleiros do PP xa advertiran que non se celebrara o pleno ordinario que correspondería ao mes de xaneiro. Nese momento a rexedora alegou que o Concello non dispoñía do servizo de secretaría ante o que o Grupo Municipal Popular lle pregunta que xestións realizou para dar unha solución temporal mentres non se cubra a praza que quedou vacante tendo en conta que “ten a posibilidade de solicitar o servizo ante a Deputación de Lugo, organismo que ten a obriga de garantilo a través do servizo de cooperación cos Concellos”. Pero, “se en xaneiro non se celebrou pola súa falta de previsión e de actuacións; en marzo tampouco, a pesar das nosas advertencias”.
O portavoz advirte do “total pasotismo da alcaldesa e do goberno local”, en xeral, ante a falta do servizo de secretaría que afecta ao día a día do Concello e, en particular, “á hora de preocuparse por convocar os plenos” para manter a normalidade institucional. Nese sentido, lembra que “tampouco se enmarca dentro da normalidade o feito de seguir sen orzamentos municipais para este ano 2026 que debería estar aprobados e en vigor a 1 de xaneiro”.
Desde o PP de Lourenzá advirten que, de continuar a situación de non convocatoria do Pleno ou de non recibir resposta ao escrito presentado, non descartan adoptar outras medidas -entre as que se atopa elevar a queixa ante a Valedora do Pobo- para defender os dereitos de participación política e o correcto funcionamento do Concello.