Martes, 21 de abril de 2026. Os deputados do Grupo Provincial Popular preguntarán no vindeiro pleno da Deputación en que situación se atopa a obra do enlace do polígono industrial de Cervo, unha obra proxectada, licitada e contratada polo último goberno do PP na Deputación pero que “se cancelou coa chegada de José Ramón Gómez Besteiro ao goberno provincial”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, sinala que “queremos saber se a Deputación de Lugo é a titular de todos os terreos necesarios” para realizar esa conexión, é dicir, “se se fixeron todas as expropiacións necesarias”.
Neste senso, Ameijide explica que Carmela López, coma presidenta da Deputación pero tamén coma alcaldesa de Burela, “debería ter un gran interese en que se realizase esta obra xa que favorecería o desenvolvemento industrial da provincia e, concretamente, da Mariña”.
Dende o Grupo Provincial Popular considérase necesario que a Deputación de Lugo recupere o proxecto para o acceso ao polígono industrial de Cuíña dende a N-642, paralizado dende o 2008, un proxecto iniciado no 2002.
“O polígono industrial de Cuíña concentra unha importante actividade industrial e empresarial no municipio polo que é fundamental para o seu desenvolvemento económico, ademais de ser importante para toda a Mariña”, sinalou.
A Deputación de Lugo desenvolveu obras para dotar a este parque empresarial dun acceso directo dende a N-642, pero “no 2008 o goberno provincial de PSOE e BNG resolve o contrato sen rematar a execución das obras, quedando a medias e privando ao polígono dun acceso máis práctico e directo durante anos e, ademais, facendo que as inmediacións a esta área empresarial conte cun elemento sen rematar restándolle valor e creando mala imaxe”.
Ademais, Antonio Ameijide esixe “educación” ao goberno provincial de PSOE e BNG xa que “aos numerosos escritos remitidos por parte da alcaldesa de Cervo, Dolores García, non tiveron nin a educación de responder”. “O primeiro que se debe facer é responder aos escritos remitidos por outras administracións, como mínimo por lealdade institucional, pero, sobre todo, por respecto a todos os veciños de cada municipio”, afirmou.