Partido Popular de Lugo

O PP esixe a PSOE e BNG o arranxo inmediato da estrada LU-P-1811, en Chantada, dado o seu “nefasto e perigoso” estado de conservación

Chantada, 7 de abril de 2026. O voceiro do Grupo Provincial Popular, Antonio Ameijide, xunto ao alcalde de Chantada, Manuel Varela, comprobaron o “nefasto” estado de conservación da estrada provincial LU-P-1811, ao seu paso por este municipio, dado que presente “importantes deficiencias que complican a mobilidade dos veciños”.

Antonio Ameijide esixe a PSOE e BNG que “realicen de inmediato” o mantemento desta estrada provincial xa que “circular por ela é unha tarefa case imposible” dadas as grandes fochancas que presenta. “Tivemos ocasión de falar cos veciños e algún, incluso, ofreceuse a ensinarnos as rodas picadas que tiña gardadas por mor das fochancas que teñen diante das portas das casas”, sinalou.

O voceiro popular explica que nesta estrada “hai moitos puntos nos que complicado circular” ao non haber escapatorias ás fochancas. “O primeiro que hai que facer é arranxar o firme, así como o desbroce da vexetación, a poda das árbores, a renovación da sinalización vertical, o repintado da sinalización horizontal e a limpeza das cunetas para garantir que se canaliza correctamente a auga e que esta non discorre polo firme”, afirmou.

Pola súa banda, o alcalde de Chantada, Manuel Varela, agarda que se teña en conta esta reivindicación xa que no municipio temos máis de 100 quilómetros de estradas da Deputación “e teñen que ser estradas seguras”.

“Hai poucos días, tamén cos compañeiros do Grupo Provincial comprobamos como a estrada LU-P-1801 (Chantada – Nogueira – Os Peares) está a caerse á altura do PK-15, aproximadamente, cun elevado risco de derrubamento cara os bancais e o río”, recordou.

Neste senso, Manuel Varela lamentou “a total ausencia” de comunicación por parte da Deputación, así como que “o único que fixeron foi poñer unhas barreiras para evitar o paso pola zona afectada e botar un pouco de formigón na cuneta contraria”.